PLENO

O BNG e Hostalaría Compostela presentan unha iniciativa para a promoción, en Santiago, dos viños galegos con denominación de orixe

Goretti Sanmartín e Ramón García
Goretti Sanmartín e Ramón García

Consiste nun acto simbólico na Porta de Mazarelos con obradoiros de cata, xornadas de difusión, exposicións de libros e fotografías, fomento das rutas de enoturismo e expositores de adegas para intercambio comercial

O BNG e Hostalaría Compostela presentan unha iniciativa para a promoción, en Santiago, dos viños galegos con denominación de orixe

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, e o xerente da asociación Hostalaría Compostela, Ramón García, presentaron unha moción para desenvolver o proxecto “A porta dos viños” de promoción dos viños galegos con denominación de orixe en Santiago de Compostela, co obxectivo de enriquecer o turismo gastronómico.

Con esta iniciativa queremos dar a coñecer, promover e difundir os viños galegos, explicou Goretti Sanmartín. “Enmárcase no recoñecemento ao que significaron os viños na cultura galega e á economía, coa comercialización e exportación xa desde o medievo, e tamén ao recoñecemento á súa calidade”, afirmou. Este evento é necesario “para desestacionalizar o turismo, máis alá das datas de verán, cun apartado de promoción dentro da propia hostalaría para que se ofrezan máis os viños galegos”.

“A Porta dos viños” é o nome desta iniciativa para celebrar na segunda quincena de outubro, “cunha feira que pode consistir nunha entrada simbólica pola Porta de Mazarelos, como era antigamente, con dous bois cargados con pipotes de viño” das denominacións de orixe recoñecidas: Ribeiro, Valdeorras, Monterrei, Rías Baixas e Ribeira Sacra “do conxunto do país e Santiago exerce así como capital de Galiza, igual que hai eventos para a promoción dos entroidos galegos”.

Isto compleméntase con obradoiros de cata, xornadas de difusión dos viños, exposicións de libros e fotografías relacionadas coas denominacións de orixe, fomento das rutas de enoturismo “e coa colocación de expositores das distintas adegas para que amosen os seus produtos e facer intercambio comercial para que tivese rendibilidade”. Trataríase, pois, de realizar unha feira dos viños galegos, en que Santiago de Compostela servise de anfitrioa á variedade e calidade da riqueza vitivinícola no noso país.

Pola súa parte, Ramón García indicou que desde a asociación de Compostela Hostalaría apoian esta iniciativa para a propia promoción da cidade e do sector. “Entendemos que crear unha feira do viño galego é un evento importante que falta neste país e o sitio idóneo para facelo é Santiago de Compostela, pola súa condición de capital; aínda que non é un lugar produtor de viño mais ten a súa importancia non só en tradicións senón tamén na economía e desenvolvemento local”, destacou.

Deste xeito, avanzou que a asociación se ofrece “a colaborar en todo o que a administración solicite para impulsar este evento para que teña vocación de permanencia”, sinalou, “para que quede sinalada no calendario esa data para que as adegas veñan a Santiago, exhiban os seus produtos e poidan facer actividades de cata e co tempo vaia medrando”.