CAMPAÑA ELECTORAL

O BNG incrementa o voto en Santiago de Compostela con respecto ás eleccións galegas de 2012

Consegue 5.048 votos na cidade no 25-S, fronte aos 4.336 de 2012

O BNG incrementa o voto en Santiago de Compostela con respecto ás eleccións galegas de 2012

“É unha enorme satisfacción e responsabilidade para seguir traballando institucionalmente no Concello e na rúa para ter unha alternativa nacionalista e forte no noso país”, explica Rubén Cela.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, realizou unha valoración dos resultados das eleccións galegas do 25-S e agradeceu “o apoio e confianza depositada por máis de 5.000 veciños e veciñas de Santiago e o inxente traballo de militantes e simpatizantes nestas semanas”.

No caso concreto de Santiago, asegurou estar no BNG “especialmente satisfeitos e satisfeitas” ao conseguir un resultado en que é a única cidade galega que consegue mellorar os datos das pasadas eleccións galegas (4.336 en 2012 e 5.048 en 2016, un 16% de suba) e, sobre todo, se se compara cos últimos procesos de Xerais e Locais, “onde agora practicamente se duplican os apoios”.

Ademais, Rubén Cela afirmou tomar isto cunha “enorme satisfacción e responsabilidade” para seguir traballando institucionalmente no Concello e na rúa “para seguir avanzando nunha alternativa nacionalista e forte no noso país”.

Segundo explicou, non se pode analizar o resultado electoral sen encadralo no global da organización e, nese sentido, anunciou que a Executiva Nacional do BNG se reunirá esta tarde para facelo. “É evidente que o resultado non é o que nos gustaría no BNG, porque había dous grandes retos nestas eleccións, un para derrotar o PP e que non obtivese unha maioría absoluta e outro para consolidar un espazo político propio para o nacionalismo galego, cun grupo parlamentario sen ataduras con ningunha forza de ámbito estatal; mais é evidente que o primeiro obxectivo non o conseguimos”, explicou.

“Tivemos que darlle a volta a todas as enquisas cunha campaña en positivo, a pé de rúa e boca a boca, na que conseguimos explicar as alternativas e propostas que ten o BNG para este país”, indicou Rubén Cela.

O BNG incrementa o voto en Santiago de Compostela con respecto ás eleccións galegas de 2012