PLENO

O BNG, cunha iniciativa no Pleno, consegue dotar de máis persoal o departamento de Urbanismo para axilizar licenzas

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi

Unha moción foi para atender as peticións da comunidade educativa para solucionar os problemas de tráfico na zona de Lamas de Abade

O BNG, cunha iniciativa no Pleno, consegue dotar de máis persoal o departamento de Urbanismo para axilizar licenzas

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2019.- O grupo municipal do BNG trasladou ao Pleno de marzo unha iniciativa para contribuír a resolver a situación de colapso que padece o departamento de Urbanismo. Desde a presentación pública desta proposta hai unha semana, por parte da portavoz Goretti Sanmartín, xa se comezaron a producir as primeiras incorporacións de persoal a este departamento e no Pleno de hoxe confirmouse a substitución das baixas.

 

Na sesión plenaria, Goretti Sanmartín lembrou que o BNG xa levara unha iniciativa hai dous anos para aplicar un plan de choque para solucionar a demora no tempo de tramitación de licenzas de obra e actividade, que causa problemas graves de tipo económico motivados por incumprimento de prazos de axudas, perda de avais bancarios, pagamento de alugueiros sen realizar actividade e problemas de subministración de empresas. Trátase dun problema estrutural que non se quixo acometer, como recordou Goretti Sanmartín, porque xa en setembro de 2017 houbera unha promesa do alcalde de realizar unha modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) para axilizar o trámite das licenzas a través da incorporación de persoal especializado á Oficina de Información. A isto súmase que o Concello ten que incorporar de urxencia todas as prazas da Oficina de Cidade Histórica e Rehabilitación de acordo co ditaminado en sentenza xudicial, persoal que foi chamado após a presentación pública desta última iniciativa do BNG.

Ademais, unha moción foi para atender de urxencia as peticións da comunidade educativa da zona de Lamas de Abade, onde hai 5 centros de ensino, para mellorar a seguranza viaria e o transporte en horas punta de entrada e saída. Ademais, reclama que se realice un plan de ordenación e un estudo de detalle para mellorar a mobilidade. Aprobouse por unanimidade.

Deste xeito, reclaman medidas de urxencia para mellorar a mobilidade e incrementar a seguranza viaria, cunha regulación de tráfico en horas punta por parte da Policía local e a adopción de aspectos técnicos para a pacificación de tráfico e aminoración da velocidade dos vehículos cun sistema de lombos ou luces de advertencia. Precisan tamén a adecuación dos horarios das liñas de transporte urbano, para que coincida cos horarios escolares, pois o último da mañá pasa ás 14:15 horas cando as aulas rematan ás 14:30 horas, segundo explicou Goretti Sanmartín na sesión plenaria.

Mediante un rogo, Rubén Cela reclamou unha campaña informativa e promocional do servizo de bonotaxi para persoas con dificultades de mobilidade co obxectivo de favorecer a súa autonomía e desenvolvemento das capacidades persoais.

Tamén formulou unha pregunta oral para coñecer o número de asociacións que tiveron que renunciar á axuda concedida de apoio a procesos e actividades culturais impulsadas pola Concellaría de Acción Cultural e as causas que as motivaron.