O BNG insta ao Goberno local a “poñerse as pilas” na contratación do alumeado de Nadal

O BNG insta ao Goberno local a “poñerse as pilas” na contratación do alumeado de Nadal

Cos prazos actuais xa non estaría para comezos de decembro, como demanda o pequeno comercio, “e non se poden aducir escusas de novo Goberno, porque son cuestións de xestión ordinaria que hai que tramitar con certa solvencia”

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2015.- Rubén Cela manifestou a preocupación do BNG sobre a falta de previsión na programación municipal de Nadal, pois só se coñece o traslado do mercado á nave 5 da praza de abastos. “Imos requirirlle ao Goberno municipal que se poña as pilas para pór en marcha a contratación do alumeado de Nadal”, explicou.

“Nomeadamente preocúpanos a data da posta en funcionamento do alumeado público, o proceso de licitación non está realizado e iso require duns prazos para a presentación de ofertas, para a reunión das mesas de contratación, para a proposta de adxudicación, sinatura do contrato e posteriormente un prazo de 10 días para que a empresa gañadora poida instalar as luces de Nadal nas rúas de Santiago de Compostela”, segundo indicou en rolda de prensa.

“Para o pequeno comercio compostelán, como é unha demanda histórica do mesmo, sería conveniente que este alumeado público estivese operativo xa cando menos dende a ponte da Constitución e cos prazos que levamos vai estar máis preto de Noiteboa cando estea executado”, afirmou Rubén Cela.

Así, o BNG insta ao Goberno municipal á maior celeridade posíbel “pois este tipo de cousas que non son sobrevidas, porque a Noiteboa cae sempre a 24 de decembro e o Nadal a 25 e non se poden aducir escusas de novo Goberno, porque son cuestións de xestión ordinaria que hai que tramitar con certa solvencia”.

O BNG insta ao Goberno local a “poñerse as pilas” na contratación do alumeado de Nadal