O BNG insta ao Ministerio de Educación a crear unha delegación da UNED en Santiago de Compostela

O BNG insta ao Ministerio de Educación a crear unha delegación da UNED en Santiago de Compostela

A deputada do BNG Rosana Pérez asegura “non entender que unha cidade universitaria e da importancia económico-administrativa de Santiago careza de Centro da UNED”

Madrid, 17 Setembro 2015.- A deputada do BNG no Congreso Rosana Pérez presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que insta ao Ministerio de Educación a ubicar un Centro da UNED en Santiago de Compostela.

Rosana Pérez amosa a estrañeza do BNG porque unha cidade universitaria como Santiago careza dunha delegación ou aula da UNED. “Non entendemos como unha cidade da importancia universitaria de Santiago carece de Centros Asociado ou Aula da UNED. Sen esquecer que é a capital de Galiza”.

Explica a deputada do BNG que a UNED está distribuída en 5 campus. Nesa configuración, Galiza está incluída no denominado Campus Noroeste, que comprende os Centros Asociados de Galiza, Asturias, Castela-León e Estremadura. Polo tanto, o alumnado do Centro da UNED da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra pertencen ao Campus Noroeste.

O Ministerio de Educación debe arranxar esta deficiencia

Á súa vez, subliña, “o Centro Asociado de A Coruña posúe Aulas da UNED en Ferrol. O de Pontevedra ten Aulas en Lalín, Vigo e Tui. O de Lugo inclúe as Aulas de Foz, Monforte e Viveiro. E o de Ourense posee a Aula da Rúa”. A deputada do BNG considera que no caso do Centro Asociado da Coruña, “existe unha ausencia flagrante: a de Santiago”.

Ademais, argumenta que “nos consta que a demanda de estudos a distancia aumentou de xeito exponencial debido ao incremento das cifras de persoas desempregadas. Por iso, resúltanos asombroso que non se teña presentado a demanda para emprazar un Centro da UNED en Compostela dada a súa significancia universitaria, económico-administrativa e poboacional”.

Razón pola que a deputada do BNG dirixe unha serie de preguntas ao Ministerio de Educación para demandarlle que Santiago de Compostela teña unha delegación da UNED. Igualmente, pregúntalle ao Goberno español que criterios seguíu para estabelecer os actuais Centros e as Aulas.

O BNG insta ao Ministerio de Educación a crear unha delegación da UNED en Santiago de Compostela