ELECCIÓNS

O BNG lembra as iniciativas do nacionalismo que transformaron Santiago nas últimas décadas

Acto con concelleiras e concelleiros do BNG nas últimas décadas
Acto con concelleiras e concelleiros do BNG nas últimas décadas

Un acto reúne concelleiras e concelleiros artífices da recuperación ambiental, cultural, do asociacionismo e do patrimonio histórico

O BNG lembra as iniciativas do nacionalismo que transformaron Santiago nas últimas décadas

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2019.- O acto '40 Anos de nacionalismo no Concello de Santiago' congregou edís do BNG das distintas corporacións municipais para lembrar as accións que emprenderon para transformar Compostela nas últimas décadas co recoñecemento da Capitalidade, a creación de escolas infantís, a recuperación do Sar e do Sarela, programas de rehabilitación da Cidade histórica, plans para a inserción laboral, espectáculos culturais en galego, o fomento do asociacionismo e a participación cidade, entre outros.

No evento, con formato de mesa redonda con participación do público, estiveron ademais da candidata do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín, Encarna Otero, Néstor Rego, Xosé Manuel Iglesias, Manuel Portas, Olga Pedreira, Rafa Vilar, Rubén Cela, Elvira Cienfuegos e Soco García Conde.

Na súa exposición destacaron a coherencia, honestidade e capacidade de traballo que caracteriza os grupos municipais do BNG, que impulsaron medidas transformadoras enmarcadas nun proxecto de país para definir o modelo de cidade e na procura de recuperación ambiental, cultural, de emprego e do patrimonio histórico. Ademais de anécdotas e da experiencia persoal e política que supuxo facer parte da Corporación municipal de Santiago de Compostela.

Entre as iniciativas que impulsou o BNG destacaron a Casa das Mulleres, programas de rehabilitación da Cidade histórica, premios internacionais pola recuperación de espazos urbanos, os Consellos de Participación Cidadá, escolas infantís municipais, a ludoteca María Miramontes, as primeiras hortas urbanas, a democratización do Consorcio da Cidade de Santiago e do Auditorio de Galiza e o primeiro Plan Municipal de Normalización da Lingua Galega do país. Outras medidas postas en marcha nestas últimas décadas, que tamén recordaron, foron programas de inserción laboral, diversificación do turismo, a promoción do deporte de base, a aposta polos espectáculos de compañías galegas e a creación de público cultural, os premios Manuel Beiras ao comercio, os primeiros locais de ensaio e Noites Abertas para a mocidade, a recuperación da Selva Negra, das marxes do Sar e do Sarela, o acondicionamento do espazo do Banquete de Conxo e do Castelo da Rocha.

Ademais, houbo referencias a que a presenza do BNG conseguiu, coa mobilización social e política, a paralización do pelotazo na Finca do Espiño, da intención de pechar o mercado de gando de Amio (que hoxe é primeiro do Estado en vendas e transaccións), a defensa de dereitos e liberdades e ser caixa de resonancia de numerosas asociacións para trasladar as súas iniciativas a Pleno. Todo isto, enmarcado nun proxecto de país e cun modelo de cidade que hoxe concita consenso para continuar e mirar cara ao futuro, segundo relataron no acto.