MEDIO AMBIENTE

O BNG lembra que o Goberno de Santiago non aposta pola compostaxe caseira e está no 13% de reciclaxe, cando debe chegar ao 50% en 2020

Alude á falta de transparencia ao deixar de publicar na web municipal datos públicos sobre a xestión de residuos en Compostela

O BNG lembra que o Goberno de Santiago non aposta pola compostaxe caseira e está no 13% de reciclaxe, cando debe chegar ao 50% en 2020

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2018.- O grupo municipal do BNG lémbralle ao Goberno local que non se implantaron novos programas de compostaxe caseira dende a chegada de Compostela Aberta á Alcaldía. Santiago de Compostela segue no 13% de reciclaxe, lonxe do obxectivo do 50% no 2020, e aínda así non se cuestionan o modelo Sogama nin apostan pola compostaxe, co que de seguir neste camiño nunca se acadará o fin previsto, advirte o BNG.

Segundo as queixas da veciñanza, o Goberno local non responde as solicitudes de composteiros individuais nin fai un seguimento dos instalados en anteriores programas.

Tampouco cumpre a ordenanza municipal que especifica que se compensará o recibo do lixo a quen realice compostaxe caseira ou comunitaria, pese a que tamén ía no programa electoral de Compostela Aberta. Así, levan sen contestar as solicitudes dos anos anteriores de composteiros e de bonificacións rogadas, pese a que no programa defendían “a aplicación de medidas que estimulen e compensen a cidadanía que desenvolve prácticas que reducen o volume do lixo como a compostaxe caseira”. Neste sentido, cómpre lembrar que tampouco se aplicaron políticas de redución de residuos.

Sinalan tamén que o premio “Ciudad Sostenible” polo Proxecto Tropa Verde de fomento da reciclaxe só afecta a unha porcentaxe ínfima do lixo doméstico (tapóns, pilas, tóner, roupa…) e a propia páxina de Tropa Verde non fai mención á compostaxe caseira ou comunitaria como vía de redución dos residuos ao circuíto Sogama e como xeito de reciclaxe da fracción maioritaria do lixo doméstico.

Tamén no programa electoral se comprometeron a facer transparente todo o proceso de xestión dos residuos sólidos urbanos e indicaba que “a cidadanía debe coñecer que se fai cos residuos, en que se converten, os custos e beneficios e coñecer as consecuencias da produción e xestión dos residuos”. Mais a realidade é que estes datos deixaron de ser públicos e evidencian unha falta de transparencia notábel, porque antes se podían consultar cifras relativas a cartón e vidro recuperados, vivendas que realizan compostaxe caseira ou comunitaria, entre outras.

Segundo anunciou Compostela Aberta, o Goberno local destinará máis de 6 millóns de euros ao proxecto Smartiago, cunha das súas liñas estratéxicas destinada á “xestión sostible e intelixente dos residuos sólidos urbanos”, co obxectivo de procurar solucións que permitan incrementar as porcentaxes de reciclaxe en Compostela. Dan o dato de que seguimos no 13%, lonxe do obxectivo do 50% no 2020; e aínda así non se cuestionan o modelo Sogama nin apostan pola compostaxe, co que de seguir neste camiño nunca se acadará o fin previsto.

A proposta do BNG

O BNG aposta porque Compostela se sume a un modelo de xestión de residuos urbanos sustentábel e respetuoso co medio ambiente, baseado na compostaxe da materia orgánica (a través da compostaxe caseira, comunitaria e a creación dunha planta propia), o que suporía unha importante redución da factura de Sogama.