ACCESIBILIDADE

O BNG lémbralle ao alcalde que non se arranxaron as arestas das beirarrúas que rachan as rodas dos coches

Material de obra sen acabar en Santa Marta
Material de obra sen acabar en Santa Marta

Vense afectados centos de vehículos e o Concello incumpre a normativa UNE e a Lei de Accesibilidade, pese a comprometerse a solucionalo hai dous anos

O BNG lémbralle ao alcalde que non se arranxaron as arestas das beirarrúas que rachan as rodas dos coches

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2017.- O grupo municipal do BNG reitera a falta de compromiso do alcalde Martiño Noriega para suprimir os bordos con arestas das beirarrúas nas novas zonas urbanizadas na cidade.

En Santa Marta, Salgueiriños, As Cancelas e Santas Mariñas, entre outras, son zonas con rúas e novas urbanizacións que non atenden a lexislación en vigor en materia de accesibilidade e que seguen a provocar graves prexuízos para a veciñanza, posto que seguen a sufrir danos nas rodas de vehículos ao aparcar.

A UNE-EN 1340:2004 estabelece que os bordos das beirarrúas “deben rematar en chafrán en declive por razóns de seguridade viaria” e a Lei de Accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas de Galiza especifica que “os seus cantos han de ser redondeados ou en chafrán”, ademais de dar conta da súa altura máxima, que tampouco se cumpre nalgúns casos.


 

O BNG recibiu queixas da veciñanza que usa o aparcadoiro de Santa Marta, onde permanece material de obra que impide o paso nunha actuación que quedou sen rematar, hai numerosas fochancas, grava solta que se desprende e numerosas zonas sen pintar. Ademais, na contorna hai pasos de peóns que bordean unha rotonda sen tramos de beirarrúa, o que provoca unha descontinuidade na zona de paso peonil.