O BNG lémbralle ao Goberno local o acordo plenario de usar o dominio Punto Gal na web institucional

O BNG lémbralle ao Goberno local o acordo plenario de usar o dominio Punto Gal na web institucional

Está pendente tamén un plan local de promoción e unha liña de axudas ás entidades e asociacións co fin de que comecen a mudar as súas web cara ao .gal

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2015.- O grupo municipal do BNG de Santiago lémbralle ao Goberno local a iniciativa aprobada hai un ano para que rexistre e active o Punto Gal no enderezo da web institucional e nas demais de ámbito municipal.

De igual xeito, aprobouse en sesión plenaria que o Concello de Santiago emprendese un plan local de promoción entre as diferentes entidades e asociacións locais co obxecto de que comecen a mudar as súas páxinas web cara ao .gal, incluíndo o preceptivo asesoramento para a migración de todos estes enderezos cara a este novo dominio que nos identifica como país.

Outro dos puntos aprobados vai dirixido a xestionar unha liña extraordinaria de axudas destinadas ás entidades e asociacións para facer fronte á tarifa da Asociación PuntoGal.

O recoñecemento público e o éxito de acollida do PuntoGal demostra que a sociedade galega apoia a normalización do idioma nos máis diversos ámbitos. Xa hai un ano, cando se aprobara en Pleno esta iniciativa do BNG, máis de 120 colectivos, as principais institucións culturais do país, as tres universidades, colexios profesionais, empresas de novas tecnoloxías, medios de comunicación, asociacións culturais de base, formacións políticas e milleiros internautas a título individual amosáronse a prol deste identificador para a lingua e cultura galegas na longa carreira para que a ICANN concedese este dominio propio para Galiza.

Deste xeito, o BNG quere que o Concello de Santiago se sume co uso deste dominio a que a comunidade galega no mundo, a nosa lingua e a nosa cultura gocen dunha marca propia con que identificar os contidos xerados na Rede e, así, facer máis visíbel o noso país dentro deste espazo de comunicación global.

O BNG lémbralle ao Goberno local o acordo plenario de usar o dominio Punto Gal na web institucional