MOBILIDADE

O BNG lémbralle ao Goberno local medidas de seguranza viaria pendentes de executar

Estrada en Zarramacedo, Bando
Estrada en Zarramacedo, Bando

Melloras nos pasos de peóns, iluminación das beirarrúas, sistemas de protección para motoristas e ciclistas son algunhas das cuestións aprobadas

O BNG lémbralle ao Goberno local medidas de seguranza viaria pendentes de executar

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, con motivo das actividades organizadas no Día en Recordo das Vítimas de Accidentes de Tráfico, lembroulle ao Goberno municipal diversas actuacións para reducir a sinistralidade viaria en materia de seguranza en pasos de peóns,  accesos a centros de ensino e edificios públicos, para ciclistas e motociclistas e accións para o calmado do tráfico que están pendentes de realizar pese a que foron aprobados en Pleno.

Deste xeito, cómpre adoptar melloras de seguranza viaria no relativo á creación de novos pasos peonís, á súa iluminación e pintado correcto. É necesaria a instalación de novos pasos peonís na avenida de Lugo e medidas para o calmado do tráfico e a humanización desta vía, a iluminación e instalación de pasos de peóns elevados na contorna do CEIP Ramón Cabanillas, así como a revisión e o repintado da maioría con materiais reflectantes e que ofrezan seguridade a motociclistas cando chove.

Ademais, hai vehículos aparcados ou outros elementos que limitan a visibilidade dos pasos de peóns, pois o seu mal estado supón un risco tanto para as persoas que circulan a pé como en bicicleta.

O BNG recorda tamén que se aprobara por unanimidade en novembro de 2015 a iniciativa para instalar sistemas de protección para motoristas nos gardarraís, así como o uso de pintura antideslizante nos pavimentos, a creación de prazas de aparcadoiro para motos e a sinalización de advertencia de grava solta cando hai obras na estrada.