FACENDA

O BNG pregúntalle a Noriega se o Concello vai habilitar un mecanismo para aplicar a sentenza da plusvalía municipal

Abre a porta a solicitar a devolución do pago de forma indebida
 

O BNG pregúntalle a Noriega se o Concello vai habilitar un mecanismo para aplicar a sentenza da plusvalía municipal

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2017.- O grupo municipal do BNG rexistrou unha pregunta para coñecer se o Concello de Santiago vai actuar de oficio para informar as persoas afectadas sobre a recente sentenza do Tribunal Constitucional que ditamina que os concellos non poderán cobrar o imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana, tamén coñecido como “plusvalía municipal”, naquelas operacións nas que a venda do piso ou do terreo non supoña unha ganancia patrimonial para o/a contribuínte.

Ademais, esta sentenza abre a porta a solicitar por vía administrativa a devolución do pago de forma indebida cun prazo de até catro anos no caso de que o imposto se autoliquide ou a iniciar unha reclamación por vía xudicial.

Deste xeito, o BNG pregúntalle ao equipo de Martiño Noriega que previsión ten o Concello de Santiago sobre o número de persoas afectadas e que estimación prevé de variación no Orzamento municipal para facerlle fronte ao contido desta sentenza.