PLENO

O BNG pregunta pola reordenación do tráfico na contorna de San Francisco

Demanda medidas que contribúan a mellorar a seguranza viaria
O BNG pregunta pola reordenación do tráfico na contorna de San Francisco

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2019.- O grupo municipal do BNG traslada ao Pleno unha pregunta para saber se o Goberno local do PSOE ten previsto reordenar o tráfico e instalar uns sinais máis visíbeis para corrixir os problemas de seguranza viaria na contorna do convento de San Francisco.

O tráfico de vehículos que transcorre pola zona empedrada da avenida de Xoán XXIII, na contorna do convento de San Francisco, situado na entrada da Cidade histórica, non adoita cumprir o que indican os sinais de velocidade, que está limitada a 10 km/h ao tratarse dunha zona de preferencia peonil.

Os problemas xorden, sobre todo, en horas punta de entrada e saída das facultades universitarias e coa afluencia de grandes grupos de excursionistas que van a pé desde a dársena de autobuses de Xoán XXIII.

Deste xeito, o BNG formulará unha pregunta para demandar medidas que contribúan a mellorar a seguranza viaria nesta área pola que transitan cada día milleiros de persoas.