SERVIZOS SOCIAIS

O BNG pregunta polas medidas para corrixir a lista de agarda dos Puntos de Atención de Servizos Sociais

BNG
BNG

Reclama abrir un novo PASS no Castiñeiriño ou a posibilidade de crear unha unidade móbil para atender no rural

O BNG pregunta polas medidas para corrixir a lista de agarda dos Puntos de Atención de Servizos Sociais

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2020.- O BNG recibiu queixas da demora nas citas para atender consultas de asistencia social “cando é un servizo que, pola súa natureza, require atención inmediata mediante a orientación precisa para facilitar os recursos idóneos e intentar buscarlle solución a problemas básicos e de primeira necesidade das persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal en Raxoi.

Deste xeito, formuloulle unha batería de preguntas ao equipo de Goberno de Sánchez Bugallo para saber cal foi o prazo medio de atención das consultas de asistencia social durante o mes de xaneiro e cantas se solicitaron.

O BNG quere saber tamén se o Goberno municipal ten previsto dotar de máis persoal os Puntos de Atención de Servizos Sociais e se vai contar con persoal administrativo para que o persoal técnico poida centrarse nas súas funcións, de cara a facilitar o seu labor.

Outras preguntas van encamiñadas a coñecer se o Goberno municipal vai abrir novos Puntos de Atención de Servizos Sociais no Castiñeiriño e nalgunha zona do rural co obxectivo de achegar este servizo ao conxunto da poboación. Tamén se require información sobre a posibilidade de crear unha unidade móbil para o rural co fin de descentralizar o servizo.