O BNG pregúntalle ao alcalde pola xestión no remate da prórroga da concesión da ORA e do guindastre

O BNG pregúntalle ao alcalde pola xestión no remate da prórroga da concesión da ORA e do guindastre

A rescisión deste contrato vén derivada de aplicar unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que anulou esta concesión a Setex Aparki

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, rexistrou unha pregunta dirixida ao alcalde Martiño Noriega para coñecer que previsión ten sobre a concesión da ORA e do guindastre municipal, posto que a prórroga de tres meses concedida en outubro conclúe mañá venres e aínda non iniciou o proceso de licitación, toda vez que a rescisión deste contrato vén derivada de aplicar unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que anulou esta concesión a Setex Aparki.

Tres meses despois de deixar sen efecto este contrato, cunha prórroga concedida, non se coñecen avances de que o Goberno de Compostela Aberta iniciase o procedemento para convocar un novo concurso para a prestación destes servizos ou, no seu caso, pola súa municipalización.

Así, Rubén Cela lembrou que o prazo de tres meses acordado na Xunta de Goberno de 30 de outubro de 2015 era para decidir se o Concello de Santiago ía asumir a xestión destes servizos de xeito directo ou se ía proceder á apertura dun novo concurso.

Na pregunta dirixida á Alcaldía, o BNG quere saber tamén se se produciron avances logo de que o Goberno de Compostela Aberta anunciase a contratación dunha auditoría externa sobre a xestión da ORA e do guindastre municipal, ademais de querer que dea conta dos resultados da mesma no caso de que se chegase a contratar e a realizar.

O BNG pregúntalle ao alcalde pola xestión no remate da prórroga da concesión da ORA e do guindastre