PLENO

O BNG pregúntalle ao Goberno local polo acordo para a cesión e musealización do legado dos Monicreques Kukas

Os-Monicreques-de-Kukas
Monicreques de Kukas

Aprobouse por unanimidade en xaneiro e non se coñecen avances para pór en marcha a cesión e exposición do legado desta compañía histórica de teatro

O BNG pregúntalle ao Goberno local polo acordo para a cesión e musealización do legado dos Monicreques Kukas

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2017.- O BNG preguntaralle ao Goberno local de Compostela Aberta se iniciou os trámites para o convenio de colaboración con Monicreques Kukas aprobado por unanimidade en xaneiro deste ano a raíz dunha moción do BNG.

Na iniciativa do BNG acordouse subscribir un convenio de colaboración con Monicreques Kukas para a cesión, musealización, exposición e difusión do legado desta compañía histórica de teatro co fin de enriquecer a oferta cultural de Santiago de Compostela. Malia que transcorreron 10 meses dende aquela, non se coñecen os avances para pór en marcha esta proposta pese a que foi aprobada pola Corporación.

Monicreques de Kukas,  primeira e máis antiga compañía de teatro contemporáneo con marionetas de Galiza, naceu en Compostela no ano 1979 e dispón dun patrimonio material fundamental da cultura galega.

Dispón de monicreques, máscaras, cabezudos, xigantes, atrezzos, escenografías, manuscritos de obras teatrais, deseños orixinais de marionetas, escenografías e figurinos, carteis orixinais, fotografías, vídeos dos espectáculos e máis de 30 instalacións de escenas completas de obras teatrais. Representan un legado que cómpre dar a coñecer, tanto para público especializado como para os propios habitantes da cidade, crianzas e visitantes a Compostela. De expoñerse, será un atractivo máis para a diversificación da oferta turística e cultural.

Santiago de Compostela goza tamén do carácter universal do teatro con esta compañía de monicreques, que introduce nos seus espectáculos técnicas clásicas e modernas, grazas a un esforzo realizado durante décadas para a creación de público e para a democratización cultural. A isto hai que engadir o seu compromiso a favor da normalización do idioma galego, da creatividade artística e da cultura propia.  

O BNG pregúntalle ao Goberno local polo acordo para a cesión e musealización do legado dos Monicreques Kukas