MULLERES

O BNG propón 10 nomes de mulleres para o rueiro de Santiago

Algunhas delas xa foran aprobadas en Pleno e o grupo nacionalista quere que sexan unha prioridade para o goberno do concello

O BNG propón 10 nomes de mulleres para o rueiro de Santiago

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2017.- O grupo municipal do BNG vai propoñer ao Goberno de Santiago de Compostela dez nomes de mulleres para dar nome a novas rúas da cidade. Segundo a concelleira nacionalista, Goretti Sanmartín Rei, “é necesario incrementar a presenza de mulleres nun rueiro en que os nomes masculinos se impoñen con moitísima diferenza”.

O BNG destacou a necesidade de darlle recoñecemento e visibilización as mulleres nos espazos públicos da cidade e advertiu a Compostela Aberta coa proposta dirixida á Comisión de Condecoracións de que, a estas alturas, responder a esta desigualdade é xa urxente. Lembrou Goretti Sanmartín na súa intervención que hai xa dous anos que o BNG presentou no pleno a proposta de nome de Begoña Caamaño para a praza de Fontiñas o que aínda non se materializou por parte do goberno do concello de Santiago.

Deste xeito, o BNG presentou unha listaxe para fomentar a creación de referentes para o empoderamento das mulleres, con Begoña Caamaño, Rosa Bassave, Concha Castroviejo, Dionisia López Amado, Pepa Noia, Amparo Alvajar, Mari Luz Morales, María Tobío, Elena Mihaela Marcu e Luz Fandiño.

“Temos que rematar co silenciamento das mulleres e non hai dúbida de que darlle a rúas e prazas os seus nomes é unha maneira de facelo e de poñer fin a súa invisibilidade”, sinalou Goretti Sanmartín na intervención en que presentou a listaxe de nomes e as razóns que as fan merecentes do recoñecemento.

“Facemos unha petición clara de compromiso co empoderamento das mulleres, co seu recoñecemento, que se ve en xestos coma estes. Dous anos despois de poñer sobre a mesa o nome de Begoña Caamaño aínda non se fixo ningún movemento e é tempo xa de dar unha volta ao rueiro cos nomes destas mulleres que ten que ser prioridade para o goberno de Santiago”, dixo.

Begoña Caamaño. Xornalista, escritora, feminista e activista cultural, destacou pola súa implicación no movemento asociativo de Santiago de Compostela.

Xornalista na Radio Galega con especial dedicación ao ámbito cultural, Begoña Caamaño deuse a coñecer como escritora coas súas dúas novelas Circe o pracer do azul e Morgana en Esmelle, e conseguiu en só tres anos unha linguaxe propia que a situou entre os principais nomes da literatura dos nosos días. Confesábase herdeira das mulleres contadoras de historias, das avoas que non eran quen de poñelas por escrito, o que ela facía maxistralmente, conseguindo o aplauso de lectoras e lectores e da crítica que, en pouco tempo, lle concedeu premios como o Ánxel Casal, o premio da AELG, o Losada Diéguez ou o da Crítica da narrativa galega. A Deputación da Coruña creou un premio co seu nome para recoñecer iniciativas culturais pola igualdade.

Rosa Bassave. Militante sindicalista e libertaria, colaborou en publicacións como Arco da Vella, (A)narquista, Andaina, CNT, Festa da Palabra Silenciada, Marea Negra, A Nosa Terra, Outrasvozes, ou A Protesta. Bibliotecaria da USC desde 1986, tamén colaborou en revistas profesionais de bibliotecas. Foi elixida en 2005 secretaria xeral da confederación galega da CNT.

Concha Castroviejo. Escritora e xornalista, naceu en Santiago de Compostela en 1910 e exiliouse en México despois do golpe militar. De 1951 a 1953 traballou no vespertino de Santiago, La Noche, e marchou logo a Madrid a traballar no diario Informaciones. Escribe, entre outras obras, a novela “Los que se fueron” arredor do exilio republicano a México.

Dionisia López Amado. Foi unha activista das Nais da Praza de Maio e fundou a “Comisión de Familiares de Desaparecidos” ademais da “Comisión pola Memoria, a verdade e a xustiza de zona norte”. A coñecida como a “Galega da zona norte”, estaba tamén comprometida cos dereitos e liberdades de Galiza.

Natural de Cedeira, Dionisia López Amado emigrara a Arxentina en 1952, cando seu fillo Antonio Adolfo Díaz López tiña tan só cinco meses. En 1976, Adolfo foi secuestrado canda a súa muller Stella Maris Riganti, pasando a formar parte da listaxe de persoas desaparecidas da ditadura arxentina. 

Xosefina García Pérez “Pepa Noia”. Filla da emigración galega, sería a primeira en acudir á cita das Nais da Praza de Maio que se convertería en data histórica ao iniciar un movemento social que conmovería o mundo e do que este ano se cumpre o seu corenta aniversario

O 30 de abril de 1977, data da primeira ronda, Pepa Noia chegaría dúas horas antes á praza de Maio. Pepa Noia lembraría toda a súa vida os nervios daquela primeira tarde, poucos meses despois de que, o 13 de outubro de 1976 desaparecera a súa filla María Lourdes. A tensión leváraa a ser a primeira en chegar a unha praza de Maio na que se ían iniciar as roldas en que ela participaría até súa morte en 2015.

Seus pais, Aurora Pérez e Agustín García, eran emigrantes que chegaran desde o seu Leiro natal, na comarca do Ribeiro, para construír en Bos Aires unha familia na que nacería o 6 de xullo de 1921, Pepa Noia.

Amparo Alvajar. Tradutora, escritora, directora teatral e funcionaria internacional que tivo que exiliar despois do golpe militar. Filla do xornalista e político republicano César Alvajar e a galeguista Amparo López Jean, Amparo Alvajar como todos os membros da súa familia, iniciou un exilio despois do golpe militar de 1936 que xa nunca remataría. Despois de pasar por diversas cidades francesas, foxe para Bos Aires e alí traballaría como tradutora de escritores ingleses e franceses e estrea con éxito dúas obras de teatro da súa autoría -El balcón de los Lester e Amada y tú-, nas que se ocupa tamén da dirección de escena, en colaboración con Agustín Caballero. A traxectoria de Alvajar continúa vencellada a distintas organizacións internacionais, primeiro como tradutora da ONU en Nova York, traballando no Correo da Unesco en París e, por volta de 1960, como funcionaria nas oficinas da Organización Mundial do Traballo en Xenebra, cidade cun importante movemento teatral, onde dirixiría obras de Lope de Vega, Moratín, Buero Vallejo ou García Lorca.


"Cunha obra moi disgregada polas circunstancias, é unha das mulleres de formación intelectual máis traballada da Galiza de hoxe e unha importante escritora, con obra feita e tamén espallada nunha e outra cidade, Bos Aires, Nova York, París, Xenebra" destacou dela Luís Seoane. Morreu en Monçao en abril de 1998.

María Luz Morales. Xornalista pioneira que, entre outros méritos, ten o de ser a primeira muller que dirixe un xornal diario no Estado español.

Máis de medio século de dedicación profesional converte a M.ª Luz Morales nunha muller de referencia na historia do xornalismo. Pioneira, vangardista, inauguradora de xéneros, Morales é, sen dúbida, unha figura impoñente e sorprendente que goza dunha traxectoria en que, entre outros méritos, ten o de ser a primeira muller que dirixe un xornal no Estado español xa que estivo á fronte de La Vanguardia no seu período máis difícil. 

Son milleiros as páxinas asinadas por M.ª Luz Morales, tanto no seu quefacer xornalístico (no que visitou xéneros anovadores como a crítica de cine) como literario ou ensaístico.

A sinatura de M.ª Luz Morales aparece en primeiro lugar nas páxinas da revista El Hogar y la Moda, que dirixirá en 1923, para pasar a colaborar deseguido na cabeceira La Vanguardia, na que formará parte da súa redacción e se converterá, anos despois, na súa directora. Serán tempos en que a xornalista desenvolva a súa obra en distintas publicacións como Films Selectos, Mediterráneo, Lecturas e, tempo despois, en Imatges, Semanari Gráfic d´actualitat. Desde 1928 forma parte da Asociación de Xornalistas de Barcelona pero en 1939 será apartada de xeito drástico da profesión como vítima da represión franquista. Morales non só é retirada do seu traballo senón tamén encarcerada (estaría en prisión arredor de corenta días). 

Á marxe do seu labor xornalístico, a actividade de M.ª Luz Morales desenvólvese en multitude de ámbitos, tanto na literatura como na tradución, no mundo editorial ou en proxectos cinematográficos.

Malia desenvolver case toda a súa actividade en Barcelona, M.ª Luz Morales mantivo durante toda a súa biografía a relación con Galiza. A Academia Galega do Audiovisual puxo o seu nome aos premios de investigación do sector.

María Tobío. En Santiago de Compostela estuda o bacharelato e a carreira de Filosofía e Letras esta muller natural de Viveiro que casaría con Pedro Martul con quen viviría un exilio que relataría no libro “Anacos da vida dunha muller galega”. Como bibliotecaria traballou no Centro de Estudos Históricos de Madrid e na Biblioteca Nacional ademáis de ser destinada a Ourense. Na súa traxectoria como bibliotecaria, á volta do exilio, traballou no Arquivo Xeral de Galicia, na Biblioteca da USC e no Instituto Arcebispo Xelmirez.

Despois do golpe militar tivo que fuxir por Francia até se embarcar no Ipanema rumbo a México, onde puxo en marcha o Instituto Hispano-Mexicano Ruíz de Alarcón. A súa volta do exilio pediu o reingreso no Corpo de Auxiliares de Bibliotecas sendo readmitida en 1950 mais inhabilitada para cocupar cargos directivos.

Elena Mihaela Marcu. Asasinada por violencia machista. Foi unha moza de orixe romanesa e veciña de Santiago de Compostela que foi asasinada pola súa ex-parella. Traballaba no sector da hostalaría e estudaba polas tardes no instituto Lamas de Abade de Santiago, onde era moi querida pola comunidade educativa.

Luz Fandiño. Emigrante retornada, poeta e activista social. Colabora en diferentes publicacións galegas, coa Radio Galega, coas Redes Escarlata, Mulheres Trasgredindo e Mar de Tinta. Reivindica a lingua e o poder tranformador da poesía.

Luz Fandiño é natural do barrio de Sar no que naceu en 1931. Ademais de colaboradora en revistas e obras colectivas, a escritora é autora de obras como Farangulliña de neve ou O pracer de envellecer.