O BNG propón que se acondicionen as instalacións do Centro de Interpretación da Natureza e do Medio Rural da Portela, en Figueiras

BNG
BNG
Goretti Sanmartín reclama que recuperen neste centro as actividades formativas e de lecer saudábel
O BNG propón que se acondicionen as instalacións do Centro de Interpretación da Natureza e do Medio Rural da Portela, en Figueiras

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, propón que o Goberno local acondicione as instalacións do Centro de Interpretación da Natureza e do Medio Rural, situado no lugar da Portela, para recuperar as súas actividades formativas e de lecer saudábel, tendo en conta a necesidade de espazos de uso público educativo.

A Escola da Portela foi rehabilitada en 2009 para crear un Centro de Interpretación da Natureza e do Medio Rural. Ademais de contar con salas de uso polivalente, foi equipado con cociña, camas e equipos informáticos.

Este centro estaba preparado para utilizarse no desenvolvemento de actividades extraescolares e de lecer, dirixidas á mocidade e a colectivos específicos que precisasen estas instalacións. Cando abriu as súas portas, prevíase a organización de seminarios e cursos de formación en grupos de até 60 persoas. Entre as actividades programadas figuraban xornadas, conferencias, visitas, roteiros e obradoiros de ecoloxía, tradicións, astronomía, cambio climático e o ciclo da auga, entre outros.

Os obxectivos deste Centro de Interpretación da Natureza e do Medio Rural centrábanse no labor de concienciación de nenos e nenas da importancia do mantemento do medio rural; na educación en valores ambientais; na sensibilización sobre reciclaxe, reutilización e diminución de residuos; no desenvolvemento das capacidades de creación e expresión artísticas; na potenciación da imaxinación de rapaces e rapazas; na aprendizaxe de tradicións; no mantemento da identidade galega e na posibilidade de experimentación de vivencias distintas, entre outros.

Co paso do tempo, ao permaneceren en desuso estas instalacións municipais e careceren do mantemento adecuado por parte do Concello, pese ás reiteradas demandas da asociación veciñal Nova Xeira de Figueiras, desapareceron as placas solares, parte dos equipamentos foron trasladados e, na actualidade, tanto o depósito de gas como a contorna se encontran en mal estado de conservación.

 

O BNG propón que se acondicionen as instalacións do Centro de Interpretación da Natureza e do Medio Rural da Portela, en Figueiras