PLENO

O BNG propón a ampliación do Fondo de Recursos para asociacións

Reclama a apertura da Casa das Asociacións de Cornes en horario de tarde

O BNG propón a ampliación do Fondo de Recursos para asociacións

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2018.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, presentou unha moción que defenderá no Pleno destinada a reorganizar e ampliar o material do Fondo de Recursos para atender as necesidades de actividades culturais e festivas do asociacionismo compostelán. Reclama tamén que apertura da Casa das Asociacións en horario de tarde para  facilitar o uso destas instalacións municipais.

O Fondo de Recursos foi creado en 2006, cando era concelleiro do BNG Manuel Portas, co obxectivo de brindar materiais para que os colectivos sen ánimo de lucro inscritos no Rexistro de Asociacións puidesen utilizalos para a realización das súas actividades, baixo o réxime de empréstito temporal, explicou Rubén Cela.

Para iso, creouse un regulamento de uso onde se especifican as normas de funcionamento, prazos de solicitude, xeito de entrega e devolución, entre outros. Este fondo estaba dotado con películas versionadas en galego, unha videocámara, grellas, palco para actuacións con toldo e escaleiras, carpas, expositores para mostras de fotografía, un biombo para exposicións, parasoles, mesas encartábeis, 40 bancos, 67 cadeiras de escritorio apilábeis, 40 cadeiras pregábeis, 2 xogos de chave, un retroproxector, un proxector, un televídeo e cds para caraoque. Aliás, existía un formulario para suxerir a adquisición de novos materiais para ampliar este Fondo de Recursos.

Parte deste material deteriorouse pola utilización continuada, outro quedou obsoleto e unha boa parte perdeuse ou foi destinado a outros fins, explicou Rubén Cela. Ao non realizarse un labor de mantemento continuado, faise necesario proceder á substitución e ampliación do equipamento deste Fondo de Recursos por elementos máis actualizados co obxectivo de responder ás necesidades do tecido asociativo de Santiago de Compostela.