O BNG propón bonificacións fiscais do 100% nos recibos da auga e do lixo para familias monoparentais

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
A proposta inclúe tamén as familias que teñan fillos/as con discapacidade para aliviar a súa situación económica
O BNG propón bonificacións fiscais do 100% nos recibos da auga e do lixo para familias monoparentais

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, defenderá no Pleno unha proposta para incluír beneficios fiscais do 100% nas cotas fixas e variábeis dos recibos do subministro e depuración de auga e recollida e tratamento de residuos urbanos para familias monoparentais, en risco de exclusión social e con fillos/as con discapacidade.

En concreto, propón que o Goberno local realice esta modificación, tan axiña como sexa posíbel, das ordenanzas da taxa polo saneamento e depuración de augas residuais, da taxa polo servizo de subministración de auga e conservación de contadores e da taxa por prestación do servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos.  

Así, reclama que teñan bonificación do 100% destes recibos as mulleres embarazadas monoparentais e os núcleos familiares monoparentais con fillos/as até os 21 anos, as integradas en familias con risco de exclusión social, as familias con fillos/as con discapacidade do 33% ou superior e as que teñan incapacidade para traballar con independencia da súa idade.

Trátase de que o Concello de Santiago inclúa estas medidas sociais para aliviar a situación económica destas familias, ademais do recoñecemento á súa especificidade. Para iso, propón tamén que se lle dea publicidade directa a estas bonificacións entre os colectivos afectados.

 

 

O BNG propón bonificacións fiscais do 100% nos recibos da auga e do lixo para familias monoparentais