FEMINISMO

O BNG propón que o Concello de Santiago apoie a convocatoria de folga de mulleres prevista para o 8 de marzo

O paro rexistrado en Compostela é un 17,25% superior por razón de xénero

O BNG propón que o Concello de Santiago apoie a convocatoria de folga de mulleres prevista para o 8 de marzo

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2018.- O grupo municipal BNG  traslada ao Pleno unha moción para que o Concello de Santiago apoie a convocatoria de folga de mulleres prevista para o 8 de marzo, no marco dunha xornada internacional de paros e mobilizacións para reivindicar a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo, na esfera social e no dereito a vivir sen violencias.

Ademais, propón que o Concello de Santiago de Compostela realice “un chamado a participar nas mobilizacións convocadas polo movemento feminista galego e a secundar a manifestación nacional unitaria”, recolle o texto da iniciativa.

A folga feminista do 8 de marzo pretende ser unha chamada de atención, dende o ámbito local máis próximo ao internacional, sobre a desigualdade e invisibilidade que historicamente sofren as mulleres, co obxectivo de esixir a mellora das súas condicións sociais e laborais para combater as discriminacións laborais agravadas polas medidas aplicadas baixo a coartada da crise económica.

A fenda salarial en Galiza é do 23%, pois mentres o salario medio anual dos homes estímase en 20.243 euros o das mulleres só chega aos 15.730 euros, ao que hai que engadir que os contratos a tempo parcial, temporal e descontinuo son maioritariamente femininos, o que repercute na baixa cotización, soldo, prestación do paro e das pensións. “En Santiago de Compostela, hai 3.263 mulleres rexistradas no paro e 2.732 homes, segundo os últimos datos da Xunta, o que representa unha porcentaxe do 17,25% superior de desemprego por razón de xénero”, explicou Goretti Sanmartín Rei, concelleira do BNG.

“As mulleres sofren máis atrancos na conciliación da vida familiar e laboral, para o que se fai necesario mudar ideas, comportamentos e mesmo leis para poder garantir a igualdade de dereitos e de oportunidades”, sinalou. Tampouco se recoñecen as tarefas domésticas e de coidado familiar que adoitan recaer nas mulleres. As mulleres, ademais de cobraren menos de media e de sufriren máis precariedade, teñen que adquirir produtos máis caros que aplican a denominada “taxa rosa” cando están dirixidos ao mercado feminino, ademais de gravar os produtos básicos de hixiene cun 21% de IVE.

A convocatoria do 8 de marzo aspira a ser transversal para mudar, dende o cotiá, o sistema articulado baixo as ordes do patriarcado, do capitalismo, do racismo, da emigración e da depredación ambiental. “Por estes motivos, esta folga pretende incidir no ámbito laboral, de coidados, estudantil e de consumo”, afirmou a concelleira Goretti Sanmartín Rei.