CULTURA

O BNG propón que o Concello de Santiago lidere a recuperación da Sala Iago

“Santiago precisa unha programación de contidos culturais especializada e funcional”, reclama Goretti Sanmartín Rei

O BNG propón que o Concello de Santiago lidere a recuperación da Sala Iago

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2018.- O BNG trasladará ao vindeiro Pleno unha moción para a recuperación da Sala Iago “en claro estado de abandono, desuso e deterioración”, en palabras da concelleira Goretti Sanmartín Rei, “que mesmo pode acabar na ruína”. É necesario que o Concello de Santiago lidere a súa recuperación para integrar esta sala nunha coordinación da rede de espazos socioculturais con programación de contidos especializada e funcional, expuxo.

“Santiago de Compostela ten que ter unha programación cultural heteroxénea, múltiple, de referencia e diversa e, nese sentido, non podemos permitirnos o luxo de ter un espazo coma ese pechado en plena zona histórica, sabendo que é privado mais o Concello ten que dar pasos para conseguir liderar unha proposta de recuperación para iniciativas culturais porque existe demanda”, advertiu Goretti Sanmartín. Sinalou tamén que é necesario “facer unha planificación racional, con especialización de funcións con espazos que poidan ser utilizados con diferentes contidos culturais e é necesario revitalizar a zona vella nese sentido”.

 

As cifras dan conta da importancia que podía ter a Sala Iago aberta, que abriu como espazo cultural en 1946 e despois de renovarse en 1998 converteuse en 2002 en sede da compañía residente conformada por Títeres Cachirulo e por Teatro Noroeste, co que gañou o ‘Premio especial Max’ da SGAE. Nos cinco anos de programación tivo un público que dá boa conta dun modelo cultural que funcionaba con 240 días con programación de títeres, 738 con representacións teatrais e 310 de cine en versión orixinal. En total foron 61.000 espectadores e espectadoras que asistiron a estas funcións. A sala permanece pechada dende 2007.

 

 

O BNG propón que o Concello de Santiago lidere a recuperación da Sala Iago