O BNG propón que o Concello de Santiago organice a conmemoración do centenario de Cantigas e Agarimos

Cantigas e Agarimos
Cantigas e Agarimos

Esta asociación ten unha intensa traxectoria para a recuperación, conservación e transmisión da cultura tradicional que debe ser recoñecida

O BNG propón que o Concello de Santiago organice a conmemoración do centenario de Cantigas e Agarimos

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2021.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, trasladará ao Pleno unha iniciativa para que o Concello de Santiago de Compostela realice as xestións necesarias, coa correspondente dotación orzamentaria, para a conmemoración do centenario de Cantigas e Agarimos “para recoñecer a quen fixo e fai realidade esta agrupación emblemática da cultura de Compostela e de Galiza”.

“Cantigas e Agarimos, unha das agrupacións máis lonxevas de Galiza, celebra o seu centenario neste 2021 cunha intensa traxectoria para a recuperación, conservación e transmisión da cultura tradicional, ademais da inspiración galeguista que aplicou desde os seus inicios á formación académica para traballar no fomento do idioma e na consolidación da identidade cultural co ideario das Irmandades da Fala”, explicou Goretti Sanmartín.

Da súa faceta teatral, pódese destacar que Cantigas e Agarimos foi quen primeiro representou en Europa Os vellos non deben de namorarse o 25 de xullo de 1961 na praza da Quintana, 20 anos despois da súa estrea en Arxentina. Este acto, concibido como homenaxe do nacionalismo a Castelao nos tempos da ditadura, congregou numerosas persoas chegadas de vilas e cidades e tivo ampla repercusión na prensa da época.

Durante os seus primeiros 50 anos de historia o coro e o grupo de teatro de Cantigas e Agarimos realizaron múltiples xiras, participaron en películas e gravaron discos. Unha das adaptacións máis importantes, polo seu éxito e récord en ventas, é “A Virxe de Guadalupe”.

Desde a década de 1970 conta tamén cun grupo de baile tradicional e pandeireteiras, cos que percorreu festivais e participou en certames internacionais por Europa, América e Asia. Así, recibiu diversos premios e recoñecementos ao seu labor de divulgación da tradición musical e de transmisión da lingua e cultura galegas.

No seu compromiso coa difusión da tradición galega, Cantigas e Agarimos realiza un destacado labor de promoción do baile e da música popular entre a mocidade compostelá, que debe ser recoñecido polo Concello de Santiago no centenario da fundación desta asociación.

O BNG propón que o Concello de Santiago organice a conmemoración do centenario de Cantigas e Agarimos