PLENO

O BNG propón que o Consorcio abra novas liñas de axudas para rehabilitación de vivendas que eviten o uso para destino turístico

Navia Rivas
Navia Rivas

Navia Rivas defenderá no Pleno diversas medidas encamiñadas a dinamizar o mercado da vivenda en alugueiro para xente moza

O BNG propón que o Consorcio abra novas liñas de axudas para rehabilitación de vivendas que eviten o uso para destino turístico

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2019.- A concelleira Navia Rivas presentou diversas medidas para dinamizar o mercado de alugueiro para todo o ano en Santiago, que o BNG trasladará cunha moción ao vindeiro Pleno. Propón que o Consorcio abra novas liñas de axudas para a rehabilitación de vivendas con destino a uso residencial de primeira ocupación ou ao alugueiro por todo o ano, cunha cláusula que evite o uso para destino turístico.

O BNG quere tamén que se retomen as accións previstas na Ordenanza do Rexistro municipal de soares para frear o abandono de vivendas, que determina o procedemento para a rehabilitación forzosa de edificios cando os propietarios incumpren o seu deber de edificar ou de rehabilitar. Esta ordenanza naceu coa pretensión de frear fenómenos especulativos e de conseguir a revitalización de zonas urbanas que presenten síntomas de degradación, a preservación da imaxe urbana e a garantía das condicións adecuadas de salubridade e ornato público.

En relación coa Xunta, reclama que se impulse o proxecto de vivenda pública de alugueiro para mocidade na parcela de Xoán XXIII e que se estabeleza unha regulamentación para fixar as condicións que teñen que cumprir as vivendas para se consideraren baleiras, tendo en conta a disparidade de datos existentes por parte de organismos oficiais, para que o Concello de Santiago de Compostela actualice o censo municipal de vivendas en función dos seus usos.

Ademais, defende a revisión da Lei de Arrendamentos Urbanos, para que as administracións públicas poidan intervir no mercado da vivenda en alugueiro para controlar os prezos, como xa acontece noutros estados europeos.

Segundo sinalou a concelleira en rolda de prensa, “diversas asociacións reclaman que as administracións públicas adopten medidas para frear este proceso de xentrificación e teñan en conta políticas de mobilización de vivenda e locais baleiros”, xunto coa necesidade de vivenda pública en alugueiro, xunto con dotacións e equipamento para a Cidade histórica e o control das vivendas turísticas irregulares.

“En Santiago de Compostela os prezos das vivendas de alugueiro subiron un 16% nos últimos anos, segundo datos publicados por un portal inmobiliario de referencia, e cada vez hai menos dispoñíbeis, mentres que a oferta de pisos turísticos se incrementa de xeito alarmante, cando moitos deles están en situación irregular”. Deste xeito, a oferta de pisos para uso turístico xa é o triplo da vivenda en alugueiro para vivir todo o ano.

Esta suba dos prezos do alugueiro é “un problema social”, advertiu Navia Rivas. De feito, un informe da Asociación Galega de Inmobiliarias (Agalin), que integra 20 entidades do sector, revela que existen tan só arredor de 100 pisos para alugar en Santiago de Compostela na actualidade, unha cifra ínfima cando se trata dunha cidade que conta con 20.000 estudantes universitarios e que debera atraer numerosos traballadores e traballadoras pola súa condición de capital de Galiza. Segundo os datos da Asociación de Vivenda Turística de Galicia (Aviturga) hai 612 vivendas rexistradas para uso turístico. “Isto demostra que existen, a maiores, centos de alugueiros vacacionais que están en situación irregular, mesmo se dan cifras que estiman en 2.000 vivendas as que se alugan para turismo sen rexistrar”, sinalou.

“Esta situación provoca que a xente moza e familias que traballan en Santiago teñan que ir á periferia ou mesmo a outros concellos limítrofes en busca de vivenda de alugueiro cuns prezos máis asequíbeis e dunhas mellores condicións de habitabilidade, como aconteceu con anterioridade coa vivenda en propiedade”, explicou. Na actualidade, xunto co desemprego e a precariedade laboral, o tema da vivenda constitúe un dos maiores atrancos para a emancipación da xente moza.