TURISMO

O BNG propón un convenio coa Asociación de Hostalaría para organizar actividades culturais e atraer o turismo interno

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Considera que o Plan de Turismo do Goberno local é insuficiente e non se adapta ao novo contexto que se abre logo da pandemia do covid-19
O BNG propón un convenio coa Asociación de Hostalaría para organizar actividades culturais e atraer o turismo interno

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2020.- O BNG quere trasladar as propostas para o Plan de Turismo que considera “insuficiente” e “inconcreto” en canto ás axudas para o mantemento de emprego, aplicación de protocolos para a prevención de contaxio do coronavirus e actividades ligadas ao sector cultural para atraer visitantes.

Deste xeito, Goretti Sanmartín destacou que este plan resulta insuficiente pola dotación económica, de 350.000 euros, con posibilidade ampliar con outros fondos externos en 150.000 euros máis, para un sector como o da hostalaría e turismo que move moitos postos de traballo e representa o 20% do PIB de Santiago de Compostela.

Mais tamén bota en falta unha planificación a curto e medio prazo sobre os mercados aos que se debe dirixir neste contexto “que debe ser de proximidade, interno e con primeira referencia no mercado galego, portugués e no Estado español”. Ademais, sinala que debe incluír un cambio de enfoque sobre “o modelo de turismo que queremos vender, con posibilidade turística e cultural, e que ten que ser relacionado coa identidade, coa sustentabilidade e coa gastronomía, cunha serie de referentes que avancen cara a un turismo de calidade e non masificado”.

“Entendemos que este plan de turismo debe incluír un convenio co sector para que poida desenvolver actividades culturais de pequeno formato que lle axuden tanto á hostalaría, turismo e cultura adaptadas a este tempo”, afirmou. Propón incluír tamén axudas para o acondicionamento de locais á nova normativa que regule os aforos e as medidas de seguranza para a prevención do coronavirus.

Maior planificación

Ademais, reclama que se concreten as medidas pois “hai un problema de planificación” para o seu desenvolvemento e afirmou que “desde o BNG coincidimos coas propostas que se fixeron desde a Asociación de Hostalaría, como facer na primeira quincena de xullo a festa do Banquete de Conxo cunha festa extensiva a toda a cidade, de facer animación de rúa todo o mes de agosto en formatos pequenos e de reforzar as actividade gastronómica como o “Santiago É Tapas” dirixido fundamentalmente á poboación local e galega, xunto con organizar para o último trimestre do ano unha gran feira do viño, unha iniciativa do BNG que foi aprobada en Pleno, onde as denominacións de orixe galegas poidan ter un lugar especial.

“Entendemos que ten que haber unhas actividades programadas que sirvan para pensar que tipo de turismo queremos e aproveitar para poñer en valor moita parte do noso patrimonio descoñecido para que sexa foco de atracción, pero o fundamental é tamén lanzar unha campaña de seguranza clara e de cumprimento dos locais e para iso fan falta axudas para adoptar os protocolos de prevención”, advertiu.

Así, desde o BNG reclámalle ao Goberno local e a Incolsa “clareza e máis concreción a respecto de cara onde queremos ir e que facer co modelo do sector turístico”, concluíu.




 

O BNG propón un convenio coa Asociación de Hostalaría para organizar actividades culturais e atraer o turismo interno