PLENO

O BNG propón que as festas teñan unha faixa horaria sen música nin foguetes para facilitar a participación de persoas con diversidade funcional

BNG
BNG

Colectivos sociais ven con acerto esta iniciativa para que nenos e nenas con doenzas como autismo, síndrome de Asperger, síndrome de Down e outras capacidades físicas e mentais poidan gozar das atraccións das festas

O BNG propón que as festas teñan unha faixa horaria sen música nin foguetes para facilitar a participación de persoas con diversidade funcional

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2019.- O grupo municipal do BNG rexistrou unha petición ao alcalde para que as instalacións e postos de feira non utilicen música nin megafonía, nunha faixa horaria, para facilitar a participación de nenos e nenas con diversidade funcional e distintas capacidades que teñen alta sensibilidade ao balbordo.

Ademais, a concelleira Navia Rivas defenderá no Pleno un rogo para aplicar esta medida, de acordo coas empresas concesionadas das atraccións, nunha faixa horaria ou sesións específicas no calendario de festas de Santiago de Compostela, como xa se realiza noutros concellos. Tamén pedirá que nese tempo “non se utilicen foguetes para que poidan gozar das festas con tranquilidade e sen medo”.

As atraccións de feira adoitan dispoñer de música e de megafonía como reclamo para captar a atención de visitantes que, normalmente, están a un volume elevado e se solapan coa emitida nos postos veciños, “o que ocasiona un balbordo que a algunha xente e, en especial para as persoas con distintas capacidades, lles impide gozar e participar da festa”, sinalou a concelleira do BNG.

Colectivos sociais de Compostela ven con acerto dispoñer dunha faixa horaria ou mesmo dunha xornada completa das festas que se celebran en Compostela, como xa se fai noutros concellos, coas atraccións de feira sen música nin megafonía para facilitaren a participación de nenos e nenas con doenzas como autismo, síndrome de Asperger, síndrome de Down e outras capacidades físicas e mentais, ao tempo que poidan asistir con nenos e nenas que tamén teñan interese para favorecer a súa inclusión social, segundo recolle a iniciativa do BNG.

Deste xeito, Navia Rivas proporá no vindeiro Pleno organizar, de acordo coas empresas concesionadas das atraccións, unha faixa horaria ou sesións específicas no calendario de festas en que as instalacións e postos de feira non utilicen música nin megafonía para facilitar a participación de nenos e nenas con diversidade funcional e distintas capacidades que teñen alta sensibilidade ao balbordo.

O BNG propón que as festas teñan unha faixa horaria sen música nin foguetes para facilitar a participación de persoas con diversidade funcional