MERCADOS

O BNG propón que se habiliten espazos alternativos para a venda de produtos de horta nas inmediacións da praza de abastos

Mercado cos postos reducidos
Mercado cos postos reducidos

Cómpre adoptar medidas para evitar a perda de postos, maioritariamente de mulleres, que complementan a economía agrícola durante a pandemia

O BNG propón que se habiliten espazos alternativos para a venda de produtos de horta nas inmediacións da praza de abastos

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2020.- O BNG de Santiago reclama que se habiliten espazos alternativos para a venda de produtos de horta de proximidade nalgunha praza situada nas inmediacións do mercado de abastos, co obxectivo de adaptarse aos criterios derivados da prevención da pandemia.

O BNG recibiu queixas sobre a tardanza en avisar dos postos que non se autorizaron o pasado sábado na praza de abastos, cunha comunicación que se produciu o día anterior cando xa tiñan os produtos de horta recollidos e preparados para a venda. Por estes motivos, reclama unha maior previsión por parte do Concello de Santiago e que se dispoñan de novos emprazamentos, con publicidade dos cambios producidos, para que se poida seguir a exercer este traballo como acontece noutras vilas e cidades.

Cómpre lembrar que a maioría destes postos son de emprego feminino, procedentes da comarca de Compostela, e contribúen a paliar situacións de emerxencia social, ademais de manter en actividade o uso da terra de cultivo e de ofrecer produtos de proximidade, para o que precisan o estabelecemento desta canle de distribución que é o mercado de abastos.

Deste xeito, o BNG reclama liñas de axuda para este sector afectado polas medidas da covid-19 e a posibilidade de abrir novas zonas de mercado ao aire libre para que poidan seguir en funcionamento.

O BNG considera necesario tamén transparentar os criterios da redución de postos para produtos de horta por mor da pandemia como se produciu o pasado sábado, cando se trata de mercadorías perecedoiras e, por outro lado, a vixilancia de aforo na nave destinada á hostalaría da praza de abastos.

O BNG propón que se habiliten espazos alternativos para a venda de produtos de horta nas inmediacións da praza de abastos