O BNG propón unha placa na rúa Moeda Vella para lembrar as cantigas medievais e a visibilidade LGBTI

O BNG propón unha placa na rúa Moeda Vella para lembrar as cantigas medievais e a visibilidade LGBTI

A súa divulgación contribúe a recoñecer o dereito á diversidade sexual e a rexeitar os históricos e recentes episodios de agresións homófobas na cidade

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2016.- A concelleira Goretti Sanmartín Rei defenderá no vindeiro Pleno unha moción do BNG para instalar unha placa na rúa da Moeda Vella, mencionada en cantigas medievais e favorecer a visibilidade LGBTI.

En diversas cantigas medievais do trobador Joám Vasques de Talaveira menciónase que na rúa da Moeda Vella, en Santiago de Compostela, viviu no século XIII unha parella de mulleres chamadas Sancha Pérez e María Leve. En concreto, unha destas cantigas usa como refrán “ena Moeda Velha vai morar / Dona Maria Leve, a seu pesar”.

“Que apareza o lesbianismo nos textos de forma tan explícita amosa que, a pesar da persecución eclesiástica e civil, houbo épocas históricas en que na sociedade convivían, de forma explícita, formas de relación entre persoas do mesmo xénero que mesmo deixaron pegada na literatura galega”, recolle o texto da moción.

A divulgación deste feito contribúe a favorecer o recoñecemento á diversidade sexual e a reivindicar a visibilidade LGBTI, tendo en conta os episodios de agresións homófobas acontecidos tanto histórica como recentemente en Santiago de Compostela.

O BNG propón unha placa na rúa Moeda Vella para lembrar as cantigas medievais e a visibilidade LGBTI