PLENO

O BNG propón un plan cun cronograma para o arranxo das beirarrúas

Beirarrúas en mal estado
Beirarrúas en mal estado
“Trátase dunha queixa constante da veciñanza, pois non hai unha soa beirrarúa que teña todas as lousas en bo estado”, explica Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG
O BNG propón un plan cun cronograma para o arranxo das beirarrúas

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, presentou unha iniciativa que trasladará ao vindeiro Pleno para demandar un plan, cun cronograma de actuación, para o arranxo e mantemento de beirarrúas para mellorar o enlousado, a accesibilidade, a seguranza e a calidade estética.

Un factor clave para favorecer a mobilidade a pé é manter as zonas de paseo en bo estado, para o que se require unha mellora da pavimentación e da accesibilidade. “Trátase dunha queixa constante da veciñanza, pois non hai unha soa beirrarúa que teña todas as lousas en bo estado”, afirmou.

"Se ben desde o Goberno local poden dicir que estas obras deben executarse con boas condicións meteorolóxicas para que asente ben o enlousado, é necesaria unha planificación de cales son as rúas que requiren unha actuación urxente e non actuar con parches que provocan que, ao inverno seguinte, volvan estar na mesma situación", destacou. A isto hai que engadir que a deterioración das lousas, producida polo uso frecuente e o paso do tempo, require un plan de mantemento continuado.

Así, destacou que hai elementos como a proliferación de raíces de árbores ornamentais en determinadas zonas urbanas que levantan as beirarrúas e precisan un tratamento adecuado para manter ao mesmo nivel e sen elevacións eses tramos de paseo.

Outra situación frecuente é a deterioración das lousas provocada nas zonas de acceso de vehículos, cando quedan rotas e mal encaixadas. Isto agrávase cando chove, pois queda auga acumulada que salpica ao pasar cando se presionan estas baldosas danadas. Isto acontece, por exemplo, na dársena de autobuses situada a carón do CGAC.

Deste xeito, para mellorar a seguranza viaria e a mobilidade peonil, é necesario un plan de actuación para a reposición de lousas en mal estado, que se pode complementar con obras de accesibilidade, para rebaixar as esquinas das beirarrúas en pasos de peóns e para substituír materiais que resultan máis dificultosos para o uso das persoas que van en cadeira de rodas. Isto debe complementarse coa colocación de varandas de apoio para persoas con dificultades de mobilidade e para persoas maiores, ademais de reducir os desniveis e ensanchar as beirarrúas onde se poida son algunhas das necesidades para evitar riscos de caídas e lesións.

Este arranxo das beirarrúas pode ir acompañada da dotación de papeleiras durante as propias obras para axudar a manter as rúas máis limpas, sobre todo polas que transitan centos de persoas diariamente. Tamén pode ir coa mellora dos bancos para sentar que, en moitos casos, teñen táboas soltas e a pintura decapada.

Goretti Sanmartín reiterou a petición do BNG de reducir as arestas dos bordes das beirarrúas, que provocan que se pinchen as rodas dos coches nas manobras de aparcamento. Este problema persiste na rúa das Trece Rosas, na avenida da Liberdade e no Castiñeiriño, entre outros lugares onde non se cumpren as normas de accesibilidade.

Desta maneira, ademais de facilitar o tránsito peonil gáñase en accesibilidade, calidade estética, limpeza e seguranza para as persoas que residen e visitan  Santiago de Compostela.