MOBILIDADE

O BNG propón un plan de mellora da sinalización dos pasos de peóns para reducir o número de atropelos, que supera os 40 anuais

Paso de peóns en mal estado
Paso de peóns en mal estado
Santiago de Compostela pódese sumar á experiencia do uso de pictogramas para contribuír á inclusión social ao tempo que se mellora a mobilidade
O BNG propón un plan de mellora da sinalización dos pasos de peóns para reducir o número de atropelos, que supera os 40 anuais

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2020.- O grupo municipal do BNG proporá no Pleno a realización dun plan de mellora da sinalización dos pasos de peóns para contribuír a reducir o número de accidentes en Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela rexistra un elevado número de accidentes de tráfico, como se pode comprobar nos partes diarios da Policía local, mesmo con atropelos en pasos de peóns. En concreto, a media é superior a 40 atropelos anuais.

Para o BNG, estas zonas de cruce deberían estar mellor sinalizadas, iluminadas e con pintura reflectora para distinguir ben as persoas que van a pé, sobre todo cando escurece no inverno e as condicións meteorolóxicas dificultan a visibilidade para condutores/as. Cómpre ter en conta tamén a utilización de materiais adecuados para o paso de motos e bicicletas.

Para facilitar que crianzas e persoas con distintas diversidades aprendan a cruzar polos pasos de peóns, Santiago de Compostela pódese sumar á experiencia do uso de pictogramas que funciona ben noutros municipios. Este tipo de debuxos educativos convidan a deterse, mirar, comprobar que os coches están parados e, despois, cruzar a estrada. Trátase dun xeito de contribuír á inclusión social ao tempo que se mellora a mobilidade, segundo recolle o texto da iniciativa do BNG.

A iso súmase o uso de teléfonos móbiles, redes sociais, aplicacións de mensaxería e auriculares que reducen a atención das persoas mentres camiñan, polo que nalgúns municipios están a facer campañas de sensibilización para evitar a súa utilización en zonas que requiren estar pendentes da circulación do tráfico co fin de diminuír incidencias e atropelos.