ORZAMENTOS

O BNG propón un programa global de actividades de conciliación

conciliacion
conciliacion

Require un plan nos Orzamentos 2017 que permita prezos máis baixos para as familias e unha descentralización da oferta de Nadal, Semana Santa e verán

O BNG propón un programa global de actividades de conciliación

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2016.- O portavoz municipal do BNG, Rubén Cela, presentou unha petición ao grupo de Goberno para que inclúa nos Orzamentos de 2017 un programa de actividades municipais en centros educativos, con carácter anual, para a conciliación da vida familiar e laboral. Require, ademais, que se realice mediante un único concurso, con maior dotación económica que permita ter prezos máis baixos para as familias e unha descentralización das actividades de Nadal, Semana Santa e verán.

Cando remata o período lectivo, o Concello de Santiago debe ofrecer un programa de conciliación para promover o lecer e unha formación complementaria dos nenos e das nenas, co fin de ter un recurso para as familias, explicou Rubén Cela.

“É o momento de empezar a preocuparse xa polas actividades de conciliación para as vindeiras vacacións de Nadal, que comezan o 22 de decembro, coa elaboración do programa, prazos de inscrición, custes e demais”, indicou. “Facemos un chamamento ao grupo de Goberno para que acelere os prazos co fin de que a oferta pública poida ser coñecida por pais e nais o antes posíbel, pois son moitas familias as que optan por oferta privada porque eran descoñecedores das condicións da oferta municipal”, dixo, que, en anos anteriores, tiña un prezo máis elevado que a privada.

Deste xeito, dende o BNG ínstase ao Concello a que o programa municipal de conciliación das crianzas se propoña coma un paquete (Nadal, Semana Santa e verán) e a solución debe pasar por sacar a licitación un concurso global, cun maior número de actividades, redución nos custes para as familias e unha maior descentralización.

Estas actividades desenvolvíanse no CEIP Fontiñas e CEIP Raíña Fabiola e, como mínimo, deben estenderse a Roxos, Lavacolla ou Quiroga Palacios, para incrementar a vertebración territorial. Tamén debería haber unha oferta única, con maior coordinación entre outros departamentos do Concello que programan polo seu lado ou mesmo outras administracións que tamén organizan actividades deste tipo. Require tamén unha oferta para agosto, porque non todas as familias están de vacacións nese mes.

 

 

O BNG propón un programa global de actividades de conciliación