ELECCIÓNS

O BNG propón a revisión dos acordos do Estado coa Igrexa para que pague o IBI

Goretti Sanmartín e Néstor Rego, nun dos negocios da Igrexa
Goretti Sanmartín e Néstor Rego, nun dos negocios da Igrexa

Goretti Sanmartín aposta por manter unha relación institucional de colaboración do Concello de Santiago co Arcebispado e abrir para a veciñanza os inmóbeis patrimoniais rehabilitados con fondos públicos e aqueles sen uso

O BNG propón a revisión dos acordos do Estado coa Igrexa para que pague o IBI

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2019.- O candidato do BNG ao Congreso, Néstor Rego, e a candidata á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, presentaron unha proposta para a revisión do Concordato e dos acordos co Vaticano co fin de que se poida cobrar o IBI nos espazos da Igrexa con actividade económica que non sexan destinados ao culto nin a servizos educativos, sociais e sanitarios. Propoñen tamén, nunha relación institucional de colaboración do Concello de Santiago co Arcebispado, abrir para a veciñanza os inmóbeis patrimoniais rehabilitados con fondos públicos e aqueles que están baleiros e sen uso.

Estes acordos co Vaticano brindan “unha situación de privilexio á Igrexa católica que supón un agravio con respecto a outros sectores”, explicou Néstor Rego, “e a teórica separación Igrexa–Estado queda en papel mollado”. Lembrou que foi o BNG a primeira forza política que levou esta proposta da revisión do Concordato ao Congreso, en varias lexislaturas, “e sempre foi tombada pola maioría parlamentar do PP e do PSOE, que sempre estiveron por manter esa relación coa Igrexa”. Estes privilexios son evidentes en relación a determinados impostos, especialmente o IBI e o de Sucesións, engadiu o candidato.

O BNG reclama tamén revisar o feito de que a materia de Relixión estea no ensino público cunha categoría similar á de calquera outra e pagada polo Estado. O criterio que o BNG defende é “de respecto a todas as crenzas relixiosas, ou da súa ausencia, e entendendo que son do ámbito privado”. Desde ese punto de vista dunha separación efectiva de Igrexa e Estado, hai que revisar eses acordos en materia educativa e aqueles que manteñen unha situación de privilexio para que a Igrexa cumpra coas súas obrigas tributarias, afirmou.

“Se estes días o Papa dicía que a Igrexa debe pagar impostos como o resto de cidadáns e cidadáns, entidades e empresas, tamén queremos que sexa así; foi unha declaración de intencións e falta levala á práctica para que os concellos teñan a capacidade de recadar impostos polo inmenso patrimonio que ten a Igrexa no noso país”, engadiu Néstor Rego.

Pola súa parte, Goretti Sanmartín lembrou que tamén no Concello de Santiago foi o BNG o primeiro grupo político que levou a proposta para que a Igrexa pagase o IBI daqueles edificios que non son de culto nin teñen función educativa, sanitaria ou social. “Nas relacións institucionais coa Igrexa, no BNG defendemos que temos que esixir que sexan copartícipes tanto do punto de vista económico e patrimonial de Santiago de Compostela”, destacou.

Hai un número importante de prazas de aparcamento, leiras e pisos que están en propiedade da Igrexa e non tributan o IBI. Un informe do tesoureiro municipal de 2012 valoraba que a Igrexa deixa de achegar ao Concello de Santiago en concepto de IBI arredor de 200.000 euros cada ano. “Esta situación non se pode manter no tempo, así mostramos a disposición para que no Congreso se poidan promover esas modificacións lexislativas necesarias, mais tamén desde a perspectiva de Santiago de Compostela sentar coa Igrexa para que contribúan mediante o pagamento do IBI e doutras medidas como que aqueles lugares onde houbo un investimento importante de diñeiro público estean abertos para o conxunto da poboación”, afirmou. “Non ten sentido que teñamos, por exemplo, a Oficina do Peregrino en Carretas absolutamente pechada á veciñanza”, explicou a candidata.

Para Goretti Sanmartín é fundamental estabelecer unhas relacións institucionais cordiais para negociar que poida estar ao servizo do ben común e do ben público esa relación de inmóbeis baleiros e sen uso propiedade da Igrexa, “sobre todo na zona histórica, coas necesidades que hai de espazos”. “Iso complementa a revisión de achegas e contributos, tanto no económico como no patrimonial, ao ben común para o conxunto do concello de Santiago”, concluíu.