PLENO

O BNG proporá no Pleno crear un Conservatorio Profesional de Danza en Santiago de Compostela

aprendizaxe de danza
aprendizaxe de danza

Este centro deberá ofertar coñecementos para a formación de profesionais na actividade artística da danza con carácter oficial

O BNG proporá no Pleno crear un Conservatorio Profesional de Danza en Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2019.- O grupo municipal do BNG defenderá no Pleno unha iniciativa crear un Conservatorio Profesional de Danza en Santiago de Compostela.

Cando se inaugurou en 2004 o Conservatorio Profesional de Música, que dispuxo dun investimento de 2,3 millóns de euros mais a cesión dunha parcela municipal, quedou como tarefa pendente a implantación dun Conservatorio Profesional de Danza en Santiago de Compostela. “Quince anos despois, existe demanda para a creación deste Conservatorio Profesional de Danza para a formación, no dominio técnico e artístico, que permita o acceso do alumnado ao ámbito laboral con cualificación de acordo cos decretos que regulan este modelo de ensino”, recolle o texto da proposición.

Este centro debe ofertar coñecementos estilísticos, coreográficos, históricos, tradicionais, clásicos e neoclásicos, contemporáneos e de novas tendencias para a formación de profesionais na actividade artística da danza en clave galega e con carácter oficial. Deste xeito poderán conseguir a correspondente titulación en cada modalidade, cun plan formativo para a inserción laboral en compañías de danza, de interpretación e de teatro musical, entre outras.

Así, a portavoz municipal Goretti Sanmartín proporá no Pleno do mércores 27 de novembro unha iniciativa para xestionar coa Xunta a colaboración necesaria para implantar un Conservatorio Profesional de Danza en Santiago de Compostela.