O BNG quere reducir o IAE un 50% a mulleres e persoas emprendedoras menores de 35 anos

O BNG quere reducir o IAE un 50% a mulleres e persoas emprendedoras menores de 35 anos

Avoga polo fraccionamento do pago do IBI en 12 mensualidades para persoas que acrediten ser desempregadas ou pensionistas


Propón aplicar un recargo do 25% ás vivendas baleiras co obxectivo de mobilizar o mercado de alugueiro


Aposta por unha bonificación do 25% para quen instale sistemas de aproveitamento térmico e eléctrico procedentes da enerxía solar


Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2013.- O grupo municipal do BNG defenderá diversas emendas ás ordenanzas fiscais para 2014 para facer modificacións na política contributiva, de cara a conseguir un sistema social máis xusto orientado á creación de emprego, ao impulso da actividade económica, á corrección de desigualdades e á protección das persoas con menos recursos.

Segundo explicou en rolda de prensa o portavoz nacionalista en Raxoi, Rubén Cela, o BNG propón un sistema de bonificacións do Imposto de Actividades Económicas (IAE) para o mantemento do tecido empresarial no que afecta a autónomos e pequenas empresas consistente na redución nun 50% para mulleres e para persoas emprendedoras menores de 35 anos. “Isto pode ser un estímulo para a reactivación económica”, explicou.

Outra das emendas do grupo do BNG vai destinada ao fraccionamento do pago do IBI en 12 mensualidades para persoas que acrediten ser desempregadas ou pensionistas.

Ademais, o BNG propón aplicar un recargo do 25% á inmóbeis de uso residencial desocupados con carácter permanente, para o que se debería elaborar un censo de vivendas baleiras. Deste xeito, Rubén Cela incidiu na necesidade de estabelecer mecanismos para favorecer a progresividade no pago de impostos “é evidente que quen ten catro, cinco ou seis vivendas ten maior poder adquisitivo que quen só posúe unha e co incremento dese 25% no IBI nas seguintes vivendas sería un incentivo para mobilizar o importante parque de vivendas baleiras que hai en Santiago”.

Para fomentar o uso das enerxías limpas, o BNG opta por ofrecer unha bonificación do 25% para quen instale sistemas para o aproveitamento térmico e eléctrico da enerxía proveniente do sol para autoconsumo, durante tres períodos impositivos consecutivos.

Coa bonificación por domiciliación e empadroamento, contemplada noutra das alegacións do BNG ás taxas fiscais, fomentaríase estar ao corrente no cumprimento de pagamento de todas as obrigas tributarias co Concello e unha previsión para gañar liquidez nas arcas municipais.

Cobro do IBI nos locais comerciais da Igrexa

Advertiu tamén que non se subsanaron os erros de período de cobro do IBI para quen non fraccione o pagamento, “volveranse repetir os problemas de coincidencia do imposto de vehículos ou do IRPF”. Tampouco se tiveron en conta as propostas do BNG dirixidas ao pagamento do IBI nos inmóbeis da Igrexa católica con usos comerciais ou particulares e que non deberan estar exentos.

Ademais, Rubén Cela indicou que recibiu “positivamente” a decisión do Goberno municipal de ter en conta algunhas das principais reivindicacións que fixo o BNG o ano pasado, en canto á conxelación de taxas e dos prezos públicos municipais, a teor da gravísima situación socioeconómica, e que “por fin se aceptase a baixada do tramo municipal do Imposto de Bens Inmóbeis na porcentaxe que nós propuñamos e que permite paliar a suba que se produciu, no seu día, por parte do Goberno de Mariano Rajoy no tramo estatal”.

O BNG quere reducir o IAE un 50% a mulleres e persoas emprendedoras menores de 35 anos