PARQUES

O BNG recibe queixas do plan de podas, que resulta “insuficiente”

arbores.podadas.xoanXXIII
arbores.podadas.xoanXXIII

A veciñanza de Xoán XXIII sinala que as cortas foron superficiais, pois as ramas seguen a impedir a visibilidade dende os edificios e dificultan a entrada da luz

O BNG recibe queixas do plan de podas, que resulta “insuficiente”

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2018.- O grupo municipal do BNG advirte de que o plan de podas que comezou non satisface a veciñanza, que reiterou as queixas por ser “insuficiente e non cumprir as previsións”. Así, sinalan que “cando hai vento, as pólas seguen a bater contra as ventás”.

A formación nacionalista trasladara ao Pleno de xaneiro que se atendesen as peticións veciñais para podar as árbores ornamentais das beirarrúas con polas que entran polas xanelas dalgúns edificios, baten nas fachadas e mesmo chegan a entrelazarse co tendido eléctrico, nalgúns casos.

Na actualidade, as queixas proceden da veciñanza da avenida de Xoán XXIII, con árbores altas na fachada dos edificios que dificultan o paso da luz e impiden a visión do parque de Xixón. No plan de poda municipal, sinalábase que as actuacións no parque de Xixón eran do 23 ao 26 de febreiro e en Xoán XXIII do 20 ao 21 de febreiro, cando en realidade foron a mediados de marzo e deixaron as cortas “dun xeito superficial que non alcanza os obxectivos, pois seguen a causar molestias á veciñanza”.

Estas podas débense realizar durante o inverno, cando as árbores están en repouso, para orientar o seu crecemento, darlle vigor á súa estrutura e co fin de evitar ramallos demasiado densos que impidan o paso da luz, ademais de que estas cortas estimulan a floración e o proceso de froitificación.