PLENO

O BNG reclama a ampliación dunha beirarrúa da praza de Galiza ocupada por un panel de obra

Prodúcense aglomeracións porque ademais é un lugar de parada de autobuses urbanos e lanzadeira ao aeroporto

O BNG reclama a ampliación dunha beirarrúa da praza de Galiza ocupada por un panel de obra

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2018.- O grupo municipal do BNG traslada ao Pleno a necesidade de ampliar unha das beirarrúas da praza de Galiza que nas últimas semanas está ocupada por un panel de obra.

Coa intervención de reforma dun local para abrir unha tenda de roupa que se vai instalar na praza de Galiza colocáronse uns paneis que invaden boa parte dunha beirarrúa das máis transitadas da zona nova de Santiago de Compostela, “cunha ampliación de madeira de 30 centímetros sobre a estrada que non é suficiente para o paso de milleiros de persoas que se ven afectadas diariamente por esta redución de espazo”, explica a iniciativa do BNG.

Esta beirarrúa é, ademais, un lugar de parada de autobuses urbanos e de lanzadeiras ao aeroporto, polo que moitas persoas van con maletas e mochilas. Este feito provoca aglomeracións e dificulta o tránsito das persoas que van a pé.

Estes paneis de obra deben estar habilitados para a súa utilización como espazos para a comunicación social, de acordo co aprobado en sesión plenaria a iniciativa da formación nacionalista, para suplir a carencia de soportes destinados á publicidade e propaganda da que adoece Santiago de Compostela.

Deste xeito, o BNG formularalle ao grupo de Goberno de Martiño Noriega unha pregunta para saber que previsión ten para ampliar esta beirarrúa e usar o panel de obra como soporte para a comunicación social.