PLENO

O BNG reclama que o aparcadoiro de Xoán XXIII deixe de aplicar a tarifa turista en agosto á veciñanza que ten abono anual

bng
bng

Recibiu queixas de persoas de Santiago que se viron na obriga de deixar a praza no verán porque lle duplicaban o prezo

O BNG reclama que o aparcadoiro de Xoán XXIII deixe de aplicar a tarifa turista en agosto á veciñanza que ten abono anual

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2019.- O grupo municipal do BNG defenderá no Pleno unha iniciativa para que se manteñan os prezos públicos de xeito estábel durante todo o ano para as persoas que dispoñen de praza de aparcadoiro en Xoán XXIII, para evitar que no mes de agosto lles apliquen a tarifa de turista.

O BNG recibiu queixas da veciñanza que ten praza reservada no aparcadoiro de Xoán XXIII ante o aviso de cambio de tarifa no mes de agosto para aplicar a correspondente ao turismo, de 30 euros/semana, cando as dos abonos son de 58,74 euros mensuais para quen deixa o vehículo durante todo o ano.

Para o BNG, isto supón un agravio para a veciñanza, que se ve na obriga de deixar a praza de aparcadoiro durante o mes de agosto pola imposición dese alto prezo (120 euros/mes) para deixar espazo para os/as turistas que nos visitan unha semana, posto que con este sistema cóbrase o dobre que do xeito habitual, cando iso non aparece especificado na web de TUSSA.