MOBILIDADE

O BNG reclama que se atendan de urxencia as solicitudes de marquesiñas de bus para o transporte escolar no rural de Compostela

Recibiu queixas de Roxos e de Aríns, entre outros, ante a falta destas instalacións que son un problema de seguranza viaria e un agravio

O BNG reclama que se atendan de urxencia as solicitudes de marquesiñas de bus para o transporte escolar no rural de Compostela

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2017.- O grupo municipal do BNG reclama que se atendan as demandas de marquesiñas de autobús, con prioridade das referidas ao transporte escolar, para dotar os lugares do rural que carecen destas instalacións e mellorar este servizo público.

Para Rubén Cela, portavoz municipal do BNG, no plan de mobilidade e de revisión de liñas de autobús, de xeito paralelo, “débense analizar e atender as peticións de novos puntos de instalación de marquesiñas, non en termos economicistas senón de servizo público, de fixación de poboación no rural e de seguranza viaria para escolares e persoas maiores de xeito prioritario”.

Deste xeito, o BNG recibiu queixas de diversos lugares como en Roxos, onde os nenos e nenas deben agardar polo transporte escolar nunha curva dunha estrada sen beirarrúa nin marquesiña, o que representa un perigo para a seguranza viaria.

No caso de Aríns, demandan unha marquesiña para a rúa de Agra dos Campos, como un dos exemplos de necesidade urxente desta instalación para gorecerse das inclemencias meteorolóxicas. Neste caso, a parada tamén está destinada a transporte escolar nunha zona que non ten sequera beiravía. Isto supón un agravio para a veciñanza do rural que precisa incrementar a dotación de instalacións e de servizos públicos e que tamén contribúen a revitalizar o crecemento demográfico.

O BNG reclama que se atendan de urxencia as solicitudes de marquesiñas de bus para o transporte escolar no rural de Compostela