PLENO

O BNG reclama o control das avespas velutinas que afecta ao barrio da Almáciga

bng
bng
Entran con frecuencia polas xanelas das vivendas e isto pode supor un risco para a saúde
O BNG reclama o control das avespas velutinas que afecta ao barrio da Almáciga

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2020.- O grupo municipal do BNG recibiu queixas dos problemas que causan enxames de avespas velutinas en diversos lugares da cidade e, en concreto, trasladará ao Pleno unha pregunta para coñecer se o Goberno local ten previsto realizar as xestións necesarias para inspeccionar a zona da Almáciga co fin de localizar os niños existentes e proceder ao seu control.

Na rúa Arzúa hai unha poboación moi ampla de avespas velutinas que está a causar desde hai un mes problemas no barrio da Almáciga. A veciñanza dos edificios 13 e 15 desta rúa observaron un enxame de velutinas nunha cornixa do edificio que, tras as correspondentes chamadas, foi tratado cun aerosol por parte do servizo de bombeiros en dúas ocasións, o 16 e 18 de xuño, posto que continuaba activo logo da primeira intervención, segundo explicaron ao BNG.

A pesar da eliminación deste enxame, os insectos seguen na zona e a veciñanza observa a súa proliferación nos tellados e nos andares superiores dos edificios e, aínda que non se localice a presenza de niños a simple vista como requiren desde o 012 para interviren, entran con frecuencia polas xanelas das vivendas e isto pode supor un risco para a saúde.

 

O BNG reclama o control das avespas velutinas que afecta ao barrio da Almáciga