MUNICIPALIZACIÓN

O BNG reclama a convocatoria da comisión de estudo da xestión da ORA e do guindastre

Foto: La Voz de Galicia
Foto: La Voz de Galicia

Reitera que se deben desligar o proceso de municipalización deste servizo da execución da sentenza do TSXG

O BNG reclama a convocatoria da comisión de estudo da xestión da ORA e do guindastre

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2017.- O grupo municipal do BNG reclama a convocatoria da comisión de estudo da xestión de ORA e guindastre, co obxectivo de avaliar o informe interno coñecido a través da prensa que determina, supostamente, que é inviábel a municipalización deste servizo a través da empresa pública TUSSA, ao considerar que a taxa de reposición de persoal lle afecta tamén á súa xestión.

Para o BNG, o lugar onde se debe analizar este suposto informe é na comisión de estudo da xestión municipal de ORA e guindastre, que non se volveu reunir dende a súa constitución o 23 de decembro do ano pasado. O BNG reitera que é favorábel ao rescate desta concesión, sempre que se cumpran as garantías xurídicas.

Ademais, o grupo nacionalista reitera que se deben desligar o proceso de municipalización deste servizo da execución da sentenza, que está a incumprir o Goberno de Compostela Aberta, ao manter a mesma empresa adxudicataria á fronte do servizo pese ao fallo xudicial de outubro de 2015 que anulaba esta concesión a Setex-Aparki e aos posteriores requirimentos presentados.

O BNG foi quen denunciou publicamente as irregularidades cometidas pola empresa concesionaria durante o Goberno municipal do PP, ao non ingresar o canon correspondente ao Concello de Santiago no prazo e nos termos que debía facelo.