ORZAMENTOS

O BNG reclama que se cumpra o compromiso dos Orzamentos e se instale a nova cuberta na piscina do Sar

globopiscina
Globo da piscina de Sar con humidade e ferruxe

Require que se adopten medidas preventivas ante o aviso de futuros temporais e a clausura desta instalación mentres non se solucionen os desperfectos

O BNG reclama que se cumpra o compromiso dos Orzamentos e se instale a nova cuberta na piscina do Sar

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, manifestou que os danos producidos na cuberta da piscina municipal do Sar producíronse pese a coñecer as previsións sobre as condicións meteorolóxicas adversas. Deste xeito, insta ao equipo de Martiño Noriega a procurar a reparación inmediata do globo e a instalar a cuberta definitiva para despois da campaña de verán, cando a piscina carece de toldo, como se comprometera co BNG na negociación dos Orzamentos de 2017.

Para o BNG, é necesario que se adopten medidas preventivas ante o aviso de futuros temporais e a clausura da instalación mentres non se solucionen os desperfectos.

Por parte da xerencia de Xestión de Actividades Deportivas e Espectáculos (XADE) advertiron dende 2007 que esa cuberta da piscina era unha solución obsoleta e problemática en termos de hixiene, de eficiencia enerxética e de seguridade. “Afortunadamente, a rotura por mor do temporal aconteceu en domingo sen xente na piscina, mais puido ser máis perigoso”, advertiu Rubén Cela.

Lembrou Rubén Cela que o BNG xa expresara en diversas ocasións a súa preocupación sobre a cuberta da piscina de Sar, tanto no Consello de Administración de XADE como no propio Concello de Santiago, por iso incluíra a busca dunha solución definitiva nun dos puntos imprescindíbeis na negociación de Orzamentos municipais para este 2017. Mais a finais do exercicio aínda non se cumpriu este compromiso por parte do Goberno local.

O BNG reclama que se cumpra o compromiso dos Orzamentos e se instale a nova cuberta na piscina do Sar