O BNG reclama a instalación de wi-fi no Centro Sociocultural do Ensanche

Recibiu diversas queixas de usuarias da Aula Aberta de Informática que carece de internet sen fíos, o que dificulta as actividades

 

O BNG reclama a instalación de wi-fi no Centro Sociocultural do Ensanche

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2017.- O grupo municipal do BNG de Santiago recibiu queixas ante a falta de conexión wi-fi no Centro Sociocultural do Ensanche, o que dificulta as actividades na aula de informática e das persoas usuarias desta instalación. Para iso, insta ao Goberno local a dotar de internet os centros e locais socioculturais que carecen deste servizo.

Para o BNG, os centros socioculturais deben dispor de conexión de internet sen fíos para facilitar as actividades programadas, xa que o uso deste servizo contribúe a ter acceso á información, imaxes, vídeos e redes sociais, entre outros. Ademais, hai persoas usuarias que acoden aos centros socioculturais ao careceren de internet na casa e cando todos os ordenadores están ocupados poderían usar os teléfonos móbiles ou portátiles para conectárense á rede.

A Aula Aberta de Informática do Centro Sociocultural do Ensanche é unha das actividades que presenta este problema, segundo consta nas queixas recibidas, pois ofértanse cursos de aprendizaxe de novas tecnoloxías e axuda para o seu manexo, mais as instalacións non dispoñen de conexión a internet a través de wi-fi.