MOBILIDADE

O BNG reclama limpeza e mantemento do elevador de Triacastela

Elevador Triacastela sen zócalo
Elevador Triacastela sen zócalo

Tres meses despois da súa apertura faltan tramos dos zócalos interiores

O BNG reclama limpeza e mantemento do elevador de Triacastela

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2019.- O grupo municipal do BNG recibiu queixas de persoas usuarias do elevador de Triacastela polas deficiencias de seguranza que presenta ao faltar tramos dos zócalos interiores. Deste xeito, insta o Goberno local do PSOE a reparar, de urxencia, este ascensor para evitar que poida acontecer un incidente.

Outro dos problemas que aprecia a veciñanza é a sucidade e lixo que contén, polo que o BNG reclama unha limpeza periódica do elevador para axudar a manter en bo estado esta instalación pública que supuxo un investimento de 355.000 euros.

Este ascensor conecta desde finais de abril os barrios das Fontiñas e dos Concheiros, desde a avenida de Lugo e Triacastela, para salvar un desnivel de máis de 12 metros que con anterioridade só dispuña de escaleiras.

Para o BNG, é necesario que cando se pon en funcionamento unha infraestrutura deste tipo, que tan só leva tres meses operativa, vaia acompañada do mantemento e limpeza que lle corresponde pois só así se contribúe a mellorar a accesibilidade. Doutro xeito, se o ascensor non está en bo estado, presenta problemas de seguranza e acumula lixo non vai servir para facilitar os desprazamentos de persoas con mobilidade reducida, cadeiras de rodas, con carros de bebé e da compra que, con anterioridade, non podían usar este atallo de escaleiras e víanse na obriga de bordearen as rúas para salvar o desnivel que agora resolve o ascensor.