PLENO

O BNG reclama o mantemento dos labirintos de camelias de Belvís

Lixo e herbas ventureiras no labirinto de Belvís
Lixo e herbas ventureiras no labirinto de Belvís

Carecen dos coidados precisos, tanto na poda e eliminación de herbas ventureiras como na recollida de lixo

O BNG reclama o mantemento dos labirintos de camelias de Belvís

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2018.- O BNG reclama o mantemento dos labirintos de camelias do parque de Belvís, pois nos últimos tempos este parque singular deixou de ter os coidados precisos, tanto na poda e eliminación de herbas ventureiras como na recollida de lixo.

Botellas, plásticos, envoltorios de snacks, excrementos e preservativos xúntanse con silveiras, estrugas e outras herbas que dificultan o crecemento natural das camelias e restan beleza ao conxunto. A falta de poda e a falta de exemplares impiden distinguir se algúns dos tramos son zonas de paso ou espazos con pés sen repoñer.

A Concellaría de Medio Ambiente creou entre 2010 e 2011 este triplo labirinto de camelias no parque de Belvís, conformado por 1.700 exemplares distribuídos nunha superficie de 4.000 metros cadrados. Mais na actualidade non están a recibir os coidados necesarios.

Deste xeito, o BNG trasladará unha iniciativa ao Pleno para realizar o conveniente mantemento dos labirintos de camelias do parque de Belvís, que debera destacar pola súa harmonía e beleza como unha zona verde atractiva para o lecer, ademais de garantir a boa saúde dos exemplares que conforman o conxunto.