CULTURA

O BNG propón mellorar a accesibilidade no Teatro Principal para persoas espectadoras con mobilidade reducida

É necesario habilitar máis espazos para quen usan cadeira de rodas

O BNG propón mellorar a accesibilidade no Teatro Principal para persoas espectadoras con mobilidade reducida

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2017.- A concelleira do BNG Goretti Sanmartín Rei defenderá no vindeiro Pleno unha iniciativa para mellorar a accesibilidade no Teatro Principal para persoas espectadoras con mobilidade reducida.

Na actualidade, o Teatro Principal só dispón dun único espazo habilitado para que unha persoa con mobilidade reducida que vaia en cadeira de rodas poida asistir aos espectáculos acompañada, polo que é necesario dotar de máis prazas destas características para avanzar na mellora da accesibilidade e na eliminación de barreiras arquitectónicas, tal como se fixeron obras hai uns anos para a adaptación dos aseos deste inmóbel.

Os manuais de accesibilidade determinan que nos teatros, auditorios e cines se reservarán tamén zonas específicas para persoas con discapacidades auditivas ou visuais. Na medida do posíbel han de situarse o máis perto posible do escenario e próximos aos accesos, pero sempre en condicións análogas ao resto de asistentes. As persoas con discapacidade han de ter posibilidades de elección semellantes ás do resto de usuarias: palcos, tribunas e fileiras.

A área de ocupación dunha cadeira de rodas cando o acceso é frontal é aproximadamente de 80 cm de largo e 120 cm de espazo libre en profundidade. Se o acceso é lateral, será necesaria unha maior profundidade, superior aos 150 cm. Nestes manuais, recolle a iniciativa do BNG, expoñen que o idóneo é dispersar estes ocos para persoas en cadeira de rodas en distintas zonas ás que se poida chegar sen obstáculos, perto das saídas e de itinerarios accesíbeis, e contar con que asisten acompañadas, como o resto de espectadores. Tamén se comprobará que a persoa non se converte nun obstáculo visual e que tampouco interrompe ou dificulta unha posíbel evacuación da sala.