ELECCIÓNS

O BNG reclama melloras no proxecto de remodelación de Concheiros

Goretti Sanmartín e Rubén Cela
Goretti Sanmartín e Rubén Cela

Considera que non está ben resolta a desviación de todo tráfico ás Fontiñas, pola zona dos centros de ensino, e demanda diálogo coa veciñanza e coa comunidade educativa

O BNG reclama melloras no proxecto de remodelación de Concheiros

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2019.- O grupo municipal BNG de Santiago considera necesario mellorar o proxecto de remodelación dos Concheiros, para ampliar ambas as beirarrúas, integrar a avenida de Lugo e solucionar o desvío de tráfico ás Fontiñas pola zona dos centros educativos.

Trátase dunha actuación da Xunta, co visto e prace e supervisión do Concello, cun orzamento de 2,5 millóns de euros e cun ámbito de actuación de 6.700 m2, “que supón un cambio importante en accesibilidade, mobilidade, distribución de espazos e tránsito viario para unha parte importante da veciñanza de Santiago”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal.

“O BNG defendeu sempre que houbese unha mellora da accesibilidade dos Camiños de Santiago e tamén estamos de acordo en pacificar o tráfico na avenida de Lugo, cun deseño global que permita converterse nun espazo de paseo e non ser un periférico en pleno centro de Santiago, como un boulevard, onde se recuperen os baixos comerciais”, destacou.

Mais, para o BNG, existen “dúbidas importantes para lle dar o visto e prace a este proxecto”, en consonancia coas queixas do asociacionismo veciñal sobre a falta de información e de canalización das súas propostas. “O procedemento de diálogo e de participación fíxose mal coa veciñanza de San Pedro e coa das Fontiñas nin sequera tiveron reunións informativas”, cando é un ámbito afectado a respecto da mobilidade e o tráfico viario, “porque se lles deu todo o proxecto practicamente feito”.

Na zona dos Concheiros transitan arredor de 20.000 vehículos diarios e, ademais da veciñanza das Fontiñas, tamén están afectadas as comunidades dos centros educativos da zona, pois o tránsito vai decorrer por Monte dos Postes coas modificacións novas. Así, explicou que non se informou ás comunidades educativas do CEIP Monte dos Postes, IES As Fontiñas, IES Antón Fraguas nin Conservatorio. “No proxecto non se aclara ben cal é a influencia de desviar o tráfico por esas rúas e se hai un plan de mobilidade non o coñecemos”, engadiu.

Na intersección de entrada a Concheiros preténdese facer algo semellante ao de Montero Ríos e Xeneral Pardiñas, con preferencia peonil, “mais nos Concheiros vai ser vía semáforos para a regulación de tráfico; entendemos que ten que haber outra solución desde o punto de vista técnico acorde con esa estética e semi-peonalización”.

“Para o BNG tamén é necesario ampliar a beirarrúas da dereita entrando na cidade, que o proxecto deixa máis estreita e integrar peregrinos e peregrinas co resto de viandantes, pois xa están na cidade”, explicou.

“Na Comisión Asesora de Patrimonio Histórico, no 99% dos casos, o BNG e en xeral o conxunto de forzas políticas, secunda os ditames da comisión técnica; mais desta vez non foi así e abstivémonos polas múltiples dúbidas que presenta este proxecto dos Concheiros”, explicou Rubén Cela.

“Como BNG sempre defendemos a importancia de protexer patrimonialmente os Camiños de Santiago e que a entrada no termo municipal era deficitaria e que é importante o traballo para mellorar os accesos a Santiago”, dixo. Porén, é importante que o proxecto sirva para a veciñanza, sinalou.

No lado positivo considera que “está ben esa ampliación do aparcadoiro a carón do Conservatorio Profesional de Música, que era algo demandado e que propuña o BNG, así como unha nova bolsa para veciñanza en Triacastela para compensar as prazas en superficie que se perdan na humanización de Concheiros”.

A propia humanización de Concheiros tamén é positiva, mais é preciso ampliar as dúas beirarrúas para compensalas e evitar ese ‘carreiro’ específico para peregrinos e peregrinas, pois xa están na malla urbana de Santiago e o Camiño tense que mimetizar coa propia rede viaria do patrimonio da cidade. Tamén vai crear problemas a supresión da rotonda de Concheiros, para facer dúas novas á altura da estación de autobuses e da Cruz Vermella, ademais de que a rúa das Fontiñas será de dirección única. Tampouco pasou o tempo suficiente para saber o cambio que vai supor a nova entrada e saída urbana pola Cidade da Cultura, advertiu.

Para o BNG, esta reforma debera ir aparellada dunha reforma da avenida de Lugo, “non ten moito sentido poñer un empedrado bonito para substituír esa rotonda se logo non se actúa no resto da vía cun enfoque global, para reorganizar os grandes fluxos de tráfico e o papel de periférico que ten actualmente”, concluíu Rubén Cela.