O BNG reclama no Pleno que se poñan en marcha os consellos municipais sen constituír

O BNG reclama no Pleno que se poñan en marcha os consellos municipais sen constituír

Propón instalar unha placa na rúa da Moeda Vella, mencionada en cantigas medievais, para favorecer a visibilidade LGBTI

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2016.- O grupo municipal do BNG trasladou ao Pleno unha proposición para promoverá a constitución e dinamización dos consellos municipais de participación como órganos de consulta e debate. O feito de que estes órganos non se reúnan implica que as iniciativas e reivindicacións da cidadanía e dos sectores implicados no desenvolvemento da cidade non son escoitados nin tidos en conta, recolle a iniciativa. Aprobouse por unanimidade.

Ademais, pediuse a comparecencia da responsábel dos Centros Socioculturais que levan dende o mes de marzo cunha empresa que presta este servizo sen contrato.

Nunha moción do BNG, propúxose instalar unha placa na rúa da Moeda Vella, mencionada en cantigas medievais e favorecer a visibilidade LGBTI. En diversas cantigas medievais do trobador Joám Vasques de Talaveira menciónase que na rúa da Moeda Vella, en Santiago de Compostela, viviu no século XIII unha parella de mulleres chamadas Sancha Pérez e María Leve. En concreto, unha destas cantigas usa como refrán “ena Moeda Velha vai morar / Dona Maria Leve, a seu pesar”. A divulgación deste feito contribúe a favorecer o recoñecemento á diversidade sexual e a reivindicar a visibilidade LGBTI, tendo en conta os episodios de agresións homófobas acontecidos tanto histórica como recentemente en Santiago de Compostela.

Ademais, presentou un rogo para dotar o concello de Santiago dunha rede de aseos públicos acorde ao que precisan veciñanza e turistas, xa que tan só hai dous situados nos baixos do Pazo de Raxoi e no da Alameda, para unha poboación de case 100.000 habitantes e mais as persoas visitantes.

A formación nacionalista rexistrou tamén catro preguntas de control e dúas solicitudes de documentación ao Goberno local, todas elas para a súa resposta por escrito.

O BNG reclama no Pleno que se poñan en marcha os consellos municipais sen constituír