PLENO

O BNG reclama, de novo, as obras de urbanización da rúa Valiño

Rúa Valiño
Rúa Valiño

Traslada unha moción ao Pleno para que se realicen de urxencia, toda vez que se adoptou o acordo en novembro de 2016

O BNG reclama, de novo, as obras de urbanización da rúa Valiño

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2017.- O grupo municipal do BNG reclama a execución do acordo plenario para a realización das obras de urbanización pendentes na rúa Valiño, tal como se comprometera Compostela Aberta a facer de inmediato no Pleno de novembro de 2016.

Na rúa Valiño hai un tramo sen urbanizar nun estado lamentábel de abandono, onde non hai beirarrúa, unha escaleira está a medio construír e hai un espazo perigoso para as crianzas que atallan á escola de Monte dos Postes. Os propietarios dos edificios lindeiros fixeron fronte as súas obrigas e pagaron a súas respectivas cotas de urbanización xa no ano 1999. O Concello acordou aprobar a redacción dun proxecto de urbanización para o ámbito de UA-11 do PERI Concheiros – Cotaredo- San Lázaro. A veciñanza solicita que despois de tanto tempo se remate a urbanización e o  acondicionamento da contorna correspondente ao edificio sito na rúa Valiño nº 11.

O concelleiro de Espazos cidadáns, Dereito á vivenda e Mobilidade contestou daquela no Pleno que era unha reivindicación moi clara para desenvolver o proxecto de urbanización para o ámbito da UA-11. Sinalou tamén que as obras estaban contratadas e en fase de redacción o proxecto, que estaría a finais de 2016 redactado, ademais de ter unha partida orzamentaria de 78.000 euros para facer as obras a inicios de 2017.

 

Deste xeito, o BNG trasladará de novo esta petición mediante unha moción ao Pleno de xuño para que se fagan de urxencia as obras comprometidas e para lle dar resposta á veciñanza que está cansa de agardar pola urbanización nun espazo por onde pasa o Camiño francés e reciben milleiros de persoas en peregrinación.