PLENO

O BNG reclama unha partida nos orzamentos 2017 para seguridade viaria nos centros de ensino

sinal
sinal

En colaboración coa federación de ANPAs e a dirección de centros de ensino

O BNG reclama unha partida nos orzamentos 2017 para seguridade viaria nos centros de ensino

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2016.- O BNG presenta unha iniciativa no vindeiro Pleno para incluír nos Orzamentos de 2017 a elaboración e posta en funcionamento dun plan destinado a incrementar a seguridade viaria na contorna dos centros de ensino, en colaboración coas federacións de ANPAs e dirección de centros de ensino. Ademais de fomentar a autonomía das crianzas e hábitos saudábeis de desprazarse a pé, quere que sirva para desconxestionar tráfico e permitir o paso de peóns por beirarrúas que se atopan colapsadas de vehículos en horarios de entrada e saída dos centros escolares.

Neste sentido, ademais creación de “Colecamiños”, que se están a poñer en funcionamento a imitación dos realizados noutros concellos e vilas galegas, para o BNG urxe a adopción de medidas para incrementar a seguridade viaria nas inmediacións dos centros de ensino. “Cando se anunciaron por parte de Compostela Aberta, dixemos que estaban a comezar a casa polo tellado, porque primeiro había crear as condicións dunha contorna segura”, explicou Rubén Cela en rolda de prensa.

En concreto, hai actuacións sinxelas como a revisión da sinalización horizontal e vertical; o repintado e elevación de pasos de peóns para provocar a redución da velocidade dos coches; o pintado de liñas amarelas, de zonas que delimitan o estacionamento de autobuses e as portas de acceso aos centros; a habilitación de zonas de aparcadoiro nas proximidades; a regulación acaída do tráfico que inclúa o control da rede semafórica; ou mesmo a sanción das infraccións dos vehículos estacionados en beirarrúas e zonas amarelas, recolle o texto da iniciativa.

Cómpre tamén adecuar as infraestruturas das proximidades dos colexios para priorizar os desprazamentos a pé, o acondicionamento das beirarrúas, novos pasos de peóns e instalación de varandas de protección, marquesiñas de autobuses, así como a habilitación de prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida.

Así, é necesaria unha campaña escolar, con implicación da comunidade educativa e da veciñanza, para garantir o bo funcionamento destas medidas que procuran seguridade, a redución do uso de vehículos e o aumento da independencia de rapaces e rapazas, mentres se implementan os camiños escolares seguros.

Santiago de Compostela conta cunha rede de centros de ensino conformada por 25 escolas infantís, 34 colexios, 12 institutos públicos e a maiores outros centros de ensino complementario ou especial. En total, son perto de 100 centros educativos en contornas sensíbeis en materia de seguridade viaria. O BNG xa trasladou con anterioridade iniciativas concretas no Pleno municipal para o colexio de Roxos, para o Santiago Apóstolo, nas Fontiñas ou no Ramón Cabanillas, entre outros.

O BNG reclama unha partida nos orzamentos 2017 para seguridade viaria nos centros de ensino