ALAMEDA

O BNG reclama un plan director para o parque da Alameda que axilice o seu mantemento e conservación

alameda 008
alameda 008

É necesario consolidar as masas boscosas, de xeito que se protexa e amplíe a repoboación da carballeira de Santa Susana 

O BNG reclama un plan director para o parque da Alameda que axilice o seu mantemento e conservación

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, presentou unha iniciativa que defenderá no Pleno para a elaboración dun plan director para o parque da Alameda, destinado a axilizar as operacións de mantemento e de conservación que precisa este espazo.

Os usos aos que está sometido o parque causan efectos negativos no arborado, pavimento, vexetación, instalacións e demais patrimonio, “referímonos así ao tráfico rodado, alumeado, festas, exposicións e eventos”, explicou Rubén Cela.

Así, apelou a buscar “un equilibrio entre os usos do parque e a conservación do seu patrimonio, sexa vexetal, monumental ou histórico”. Cómpre buscar unha solución que permita seguir a gozar do pavimento natural, mellorar e definir o mantemento anual e dotalo dos orzamentos necesarios, ademais de controlar un correcto funcionamento das redes pluviais e tamén dos sistemas de rego, posto que nas épocas de falta de choiva afecta á vexetación arbustiva”.

Tamén é necesario consolidar e darlle prioridade ás masas boscosas de especie autóctona, de xeito que se protexa e amplíe a repoboación da carballeira de Santa Susana. Neste sentido, o BNG xa trasladou iniciativas ao Pleno en reiteradas ocasións para a conservación de diversos exemplares, para a reposición de árbores que se cortaron no seu día como carballos, co fin de que este espazo siga a manter a súa idiosincrasia e o seu valor patrimonial, ademais de constituír unha área ambiental importante no centro da cidade.

A orixe da alameda remóntase á doazón en 1546 dos terreos á cidade polo conde de Altamira e na actualidade é un dos lugares máis frecuentados e visitados. Conta cunha superficie de 85.000m2. O conxunto é rico en monumentos históricos e diversos elementos de interese artístico e nos seus xardíns dispón de perto de 1.500 especies arbóreas e arbustivas, algunhas delas notábeis pola súa idade e o seu valor, como a carballeira de Santa Susana. Ademais, está considerada un ben de interese cultural.