PLENO

O BNG reclama a reparación do muro próximo á Selva Negra para contribuír á conservación patrimonial e á seguranza viaria

Muro da Selva Negra
Muro da Selva Negra

A concelleira Navia Rivas lembra que a asociación Nova Xeira xa advertiu en xaneiro ao Concello desta situación

O BNG reclama a reparación do muro próximo á Selva Negra para contribuír á conservación patrimonial e á seguranza viaria

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2019.- O grupo municipal do BNG reclamará no Pleno de xullo a revisión urxente e reparación do muro próximo á Selva Negra para a súa consolidación, co obxectivo de contribuír á conservación patrimonial e á seguranza viaria.

O muro situado na estrada CP 7803 nas proximidades do acceso á Selva Negra, entre Bar de Abaixo e Bar de Arriba, ten un tramo derrubado que invade o beiravía e entraña perigo para a seguranza viaria. Trátase dunha estrutura realizada con pedra superposta, de mampostaría en seco, que precisa a súa consolidación pois, co paso do tempo e a falta de mantemento, perdeu elementos e a súa verticalidade polo que corre risco inminente de derrubo sobre a estrada.

A propia asociación veciñal de Figueiras ‘Nova Xeira’ rexistrou un escrito en xaneiro de 2019 para reclamar que se realizase unha inspección técnica das condicións de seguridade que ofrece este treito da estrada CP 7803 para que se adopten as medidas necesarias coa finalidade de evitar riscos para as persoas usuarias. Na resposta do Concello, após analizar o contido da petición e dado que se trata dunha proposta de investimento, explicaban que daban traslado ao Órgano de Goberno municipal ao que lle corresponde valorar a posibilidade de acometer a reparación ben a través do Consorcio da Cidade de Santiago ou ben a través do propio Concello como usufrutuario desta propiedade.

Deste xeito, a concelleira Navia Rivas, defenderá no Pleno de xullo unha iniciativa para que o Concello proceda a efectuar, de urxencia, as obras de reparación deste muro que xa leva meses derrubado.